O XVII Folk no Río celébrase esta fin de semana no Corgo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita, que abrirá o grupo catalán Ros e tamén contará co canario Miguel Afonso, os galegos Brath,  a banda vasca Korrontzi e o cántabro Manuel Luna

A Xunta de Galicia apoia o festival XVII Folk no Río, que se celebrará na área recreativa de Chamoso, no municipio do Corgo, esta fin de semana, con cinco actuacións durante o sábado e o domingo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa xunto co promotor, Eloi Caldeiro, e o alcalde do Corgo, Felipe Labrada.

Ros, a nova proposta do músico catalán Ricard Ros i Roig, abre a programación do festival o sábado ás 21.00 horas, unha actuación á que lle seguirá a do cántabro Manuel Luna e a do grupo galego Brath, que pechará o festival do sábado. O domingo, ás 13.30 horas, Folk no Río continuará da man da banda Korrontzi, de Euskadi, nunha xornada que rematará coa actuación do artista canario Miguel Alfonso, a partir das 17.30 horas.

Arias apuntou que “este tipo de festivais xogan un papel fundamental na dinamización cultural e turística dos concellos da provincia, en especial no marco deste dobre Ano Santo”. Nese sentido, salientou a aposta da Xunta por “descentralizar a programación e impulsar ou apoiar actividades que cheguen ao máximo número de localidades e á maior cantidade de xente posible”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.