Os Monicreques de Kukas presentan Don Gaiferos en Triacastela este próximo domingo

Patrocinada pola Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Triacastela dentro do programa O TEU XACOBEO da Xunta de Galicia a representación do espectáculo DON GAIFEROS corre a cargo da coñecida compañía compostelá Os Monicreques de Kukas (Premio Galicreques 2021, Premio da Crítica de Galicia 2020, Premio da Cultura Galega das artes escénicas 2019, Premio Xiria 2019)
Don Gaiferos e unha espectáculo de teatro con monicreques de fíos e música en directo que partindo do romance popularizado por Faustino Santalices e incorporando cancións e músicas do folclore galego conta un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Don Gaiferos de Mormaltan ata chegar a Compostela.
Nesa viaxe atemporal ao longo do Camiño atoparase con personaxes representativos do mesmo e con peregrinos e peregrinas procedentes de diferentes partes do mundo, así como os xigantes e cabezudos do Corpus de Lugo, todo tipo de tentacións diabólicas e ata ao mesmo Apóstolo Santiago.
Interpretada por Borxa Insua, Ero Vázquez, Marian González, Isabel G. Coldeira, Marcelino de Santiago, Aldara Palmeiro e Tome Mouriño baixo a dirección escénica e artística de Isabel Rey Pousada e o propio Marcelino de Santiago (Kukas).
O espectáculo Don Gaiferos contou coa axuda á produción da Axencia galega de industrias culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e o concello de Santiago.
A representación terá lugar o vindeiro domingo 28 de agosto do 2022 ás 20,30 horas na Praza da Deputación de Triacastela.
Dirixida a todos os públicos (preferentemente maiores de 6/8 anos).