Os socialistas de Antas de Ulla instan ao alcalde a “aportar soluccións e non escusas”, para paliar a seca na vila

Lembran que defenderon varias iniciativas no Pleno para solventar estes problemas de abastecemento. “Pero unha vez máis atopámonos coa intransixencia do PP e coa súa inoperancia. Nin gobernan, nin saben gobernar”

O PSdeG de Antas de Ulla instan ao Alcalde e a todo o seu goberno, “a poñer solucións enriba da mesa para paliar o problema da seca que sofre a veciñanza da vila”, durante esta época do ano na que ademais aumenta a poboación. E lembran que defenderon varias iniciativas no Pleno do Concello para solventar os problemas de abastecemento. “Pero unha vez mais atopámonos coa intransixencia do PP e coa súa inoperancia. Nin gobernan, nin saben gobernar”, replican os socialistas.

A Voceira Socialista, Pilar García Porto incidiu en “os problemas de Antas de Ulla precisa de solucións, e non de escusas. E diante deste panorama, que se repite ano tras ano como xa denunciamos reiteradamente, fai que a veciñanza se pregunte para qué serve un Alcalde que cobra a fin de mes, cando é incapaz de xestionar, e ademais, incompetente para resolver os problemas da vila”, insistiu.

Dende o PSdeG de Antas de Ulla remarcan que denunciaron en varias ocasións no pleno, “a necesidade de tomar medidas co fin de mellorar a traída de auga, xa que é un servizo de primeira necesidade”. Concretamente, “reclamamos a mellora do servizo de auga municipal facendo especial fincapé na necesidade de conservar e ampliar as captacións e mellorar as canalizacións para evitar as perdas de auga. Ademais de insistir na necesidade de cambiar as tuberías de fibrocemento existentes que rompen con frecuencia e son prexudiciais para a saúde”. “Todas e cada unha destas propostas foron rexeitadas polo PP, e hoxe comprobamos que se equivocaron, e agora os veciños apandan co problema pola incompetencia do Alcalde e do seu Goberno”, criticou.

“Queremos que se tomen medidas inmediatas”

García Porto avanza que na vindeira sesión plenaria, que se celebrará no mes de setembro, “presentaremos unha nova iniciativa ao Alcalde para que abandone a súa actitude victimista, pase á acción e a exerza con responsabilidade, co fin de  garantir a prestación deste servizo básico para a veciñanza”. “Queremos que se tomen medidas inmediatas, e pedirémoslle que se dirixa a entidade Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, para que tramite con carácter urxente autorizacións de abastecemento temporal para as explotación gandeiras e os fogares que queden sen abastecemento”, tal e como xa fixo a Confederación.

A Voceira Socialista advirte ademais que no 2012 anunciouse unha axuda de 600.000  euros destinada á ampliación da rede de abastecemento de Antas de Ulla”, incluído no chamado Plan Galicia, “pero nunca se materializou porque  a Xunta de Galicia non consolidou a súa aportación. Este é o peso político e a solvencia coa que conta o goberno de Antas de Ulla, cero aportación, cero investimento”, dixo. “E dende o 2012 ata hoxe o Goberno de Antas de Ulla segue nunha absoluta improvisación e sen reforzar as captacións de auga da vila. Esta situación conleva ao estado que padecemos actualmente, co trasporte de auga en camións cisterna durante longos períodos de tempo”.

O Goberno do PP de Antas de Ulla aprobou unha ordenanza municipal coa que se cobrou aos veciños ata con catro anos de retraso, abandonouse durante anos a lectura periódica dos contadores, realizáronse novas dotacións de canalizacións sen reparar as antigas, nin ter en conta a suficiencia dos manantiais que teñen que subministrar o abastecemento dende as captacións. “Esta é a súa xestión  aprobar impostos, pero sen dar servicios. Pasa o recibo pero a veciñanza non ten auga”, denuncian os socialistas.

Hai que sinalar tamén que os impostos que recada o concello relacionado co cobro do subministro de auga e rede de saneamento, ten que repercutir no propio servizo. “Por iso solicitaremos que nos amosen as facturas sobre ás melloras e dotacións do servizo de auga e saneamento municipal, así como aos gastos derivados do transporte de auga”.

A Deputación non é responsable deste servizo municipal”

Por último, sobre a petición por parte do Alcalde reclamando solucións á Deputación de Lugo sobre este servizo municipal en Antas de Ulla, sinalan que a institución provincial “non é responsable deste servizo nos Concellos”. García Porto explícalle ademais ao rexedor que dende que se aprobou o Plan Único da Deputación, a veciñanza de Antas de Ulla recibiu arredor de 1.800.000 euros. “Cada vez que temos un problema o Alcalde adicase a poñer deberes a outras administracións, pero nunca ao goberno municipal. Igual ten que deixar paso aos que si saben resolver os problemas do Concello”, dixo a voceira socialista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.