Pilar García Porto. “O Alcalde de Antas de Ulla impide aos concelleiros socialistas acceder a documentos públicos que conteñen información económica e xudicial sobre o Concello”

Co seu constante veto a información económica e xudicial, o rexedor do PP vulnera gravemente o dereito dos concelleiros do PSdeG a controlar a acción do Goberno e despreza á veciñanza porque son representantes democraticamente elixidos.
“O pasado mes de outubro do 2021 solicitamos por Rexistro diversos expedientes relacionadas con procesos xudiciais e contratos realizados polo goberno municipal, e non só non puidemos comprobar a totalidade dos expedientes solicitados, coartando así os nosos dereitos como concelleiros, senón que ademais detectamos fallos que provocan supostas duplicidades no Rexistro público municipal, que o propio Alcalde recoñeceu, que seguen sen corrixirse e que afectan ós veciños porque non garante a correcta tramitación dos documentos”, aseguran os socialistas.
Por este motivo, a voceira municipal do PSdeG, Pilar García Porto, explicou que defenderán mañá no Pleno extraordinario convocado polos socialistas “a transparencia e a normalización do acceso aos documentos e expedientes, tal e como marca a propia Lei e solventar de xeito inmediato os problemas de duplicidade no rexistro municipal que están afectado a súa xestión diaria e a propia seguridade e garantía dos trámites que fan os propios veciños e veciñas”.
A Voceira Socialista argumenta que xa en anos anteriores “solicitamos a documentación correspondente para cotexar as contas municipais e coñecer a realidade das cifras do concello, así como o acceso a documentación que acredita a correcta xestión contable, como por exemplo a través de revisión de facturas, albaranes e ordes de pago, pero novamente atopámonos con que o Alcalde nos negou o acceso a esta información”, critica.
Reiteramos a petición desta documentación ata en tres ocasións
Ademais, sinala que tamén solicitaron acceso a expedientes relacionados con comunicacións feitas polo Xulgado ao Concello de Antas de Ulla, “e dende fai 10 meses impídesenos acceder a eses informes, así como aos documentos que conforman eses expedientes. E lembramos que reiteramos a petición desta documentación ata en tres ocasións e a resposta do Alcalde sempre foi a mesma, impedir o aceso a eses expedientes ocultando datos públicos e necesarios para que os concelleiros podan desempeñar o seu traballo, como representantes públicos”, insisten.
García Porto pregúntase “que esconde o Alcalde e o seu Goberno para impedir e torpedear o acceso a determinados expedientes durante anos”.
A propia normativa ampara as peticións socialistas
Por último, lémbranlle ao Alcalde que debe cumprir a Lei, tomar exemplo doutros concellos, mesmo da súa cor política, que dan todas as facilitades de consulta, mesmo a través da administración electrónica, mentres el se nega e impide o acceso aos expedientes. Recalcan que a propia normativa ampara as peticións do Grupo Socialista de Antas de Ulla para acceder a esta información. Concretamente, o artigo 14 de Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, puntualiza: tódolos membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cuantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.