Pontecesures, Dodro e Portas acollerán a estrea o dia 28 «Comediantes no camiño» unha obra de teatro de rúa que pon en valor a ruta portuguesa

Pontecesures, Dodro e Portas, tres Concellos polos que transcorre o Camiño Portugués, acollerán o vindeiro 28 de agosto ‘Comediantes no camiño’, un espectáculo de rúa da compañía Inventi Teatro financiado polo programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Os protagonistas da obra de teatro son dous divertidos peregrinos de principios do século XX que percorren a ruta xacobea nun antigo autocar de época. A partir dunha posta en escena baseada no clown, o circo, o teatro xestual e a participación do público, a peza pon en valor o patrimonio arquitectónico, cultural e natural do percorrido portugués así como a tradición e a cultura galega. ‘Comediantes no camiño’ está dirixida a todos os públicos e representarase o domingo, 28 de agosto, na Praza do Concello de Pontecesures ás 13:30 horas, no Albergue de Briallos de Portas ás 17:30 horas e na Aldea de Manselle do Concello de Dodro ás 21 horas.
‘Comediantes no camiño’ será tamén un punto de encontro e intercambio entre as persoas que se acheguen: peregrinos e peregrinas, visitantes e poboación local. Ao longo dos 50 minutos que dura o espectáculo animarase ao público a superar divertidas probas en equipo nas que terán que demostrar os seus coñecementos sobre o Camiño de Santiago.
A escenografía e os distintos obxectos que se empregan ao longo da peza son materiais reutilizados aos que Inventi Teatro deu unha segunda vida: un camión vello que volve funcionar, maletas antigas atopadas nos faiados, roupa en desuso, botellas e botes de cristal… Ao rematar a función, e para promover a reutilización e reciclaxe dos residuos, convidarase ao público asistente a coñecer de preto a escenografía.
A compañía Inventi Teatro naceu en Vigo en 2017 e especializouse en crear espectáculos de rúa dirixidos a todos os públicos. Nesta ocasión, Beatriz Campos e Marcos Alonso soben ao escenario e un nutrido equipo de persoas de diferentes disciplinas participou na produción da peza.
As propostas de Inventi Teatro forman parte do catálogo de Urdime.