Presentado o proxecto de recuperación “innovador, sostible e respectuoso coa contorna” do tramo do Camiño de Santiago en Vilalba

O Concello de Vilalba ten listo un proxecto de recuperación do Camiño de Santiago desde o polígono industrial a Ponte Rodríguez, o cal implica o seu paso por todo o núcleo urbano de Vilalba

Trátase dun proxecto de recuperación “innovador, sostible e respectuoso coa contorna natural, consolidando o trazado e protexendo ao peregrino”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Vilalba. O concello solicitou para acometer a actuación unha subvención de 1,5 millóns de euros ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Esta achega permitiría afrontar o 100% do investimento necesario na actuación, que convertiría a Vilalba na referencia do Camiño do Norte. Para a realización do proxecto e a solicitude da subvención, foi fundamental que o concello tivese un Plan de Mobilidade e forme parte do Paces (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible).

O proxecto divídise en seis tramos, que son o polígono industrial; a zona de Campo Redondo; o casco histórico de Vilalba; o Camiño dos Pasos; a zona da Depuradora; o vial que leva á carballeira de Mourence, e un último tramo ata Ponte Rodríguez.

Este ambicioso proxecto propón a posta en valor do trazado do Camiño e a súa conexión harmoniosa coas zonas rurais e o casco urbano de Vilalba, configurando un cinturón verde sempre co obxectivo de preservar a protección do peregrino, que teña o seu espazo.

Para a realización desta actuación, contemplanse só materiais naturais, de tipo pétreo, granito, zahorras e finos da zona, así como unha variada vexetación, que tamén será autóctona, con abundante arborado e xardíns verticais, zonas e mobiliario de descanso, sendas, etcétera.

No tramo urbano, a única intervención será no casco histórico, na confluencia das rúas Ferrería, Concepción Arenal e Mato Vizoso, igualando o pavimento da rúa Concepción Arenal e a Travesía de San Xoán para facilitar a circulación aos peregrinos.

Aproveitando esta actuación, modifícase o resto da rúa Mato Vizoso, cunha plataforma única con acabado de adoquín de granito. Por último, a conexión da Travesía de San Xoan coa travesía do Matadoiro execútase como un gran paso peonil, en adoquín de granito ata a antiga sede de Protección Civil. Esta edificación derribarase para recuperar os elementos históricos presentes, como o lavadoiro, a fonte e os muros de pedra tradicional.

O proxecto de recuperación do Camiño de Santiago ao seu paso por Vilalba inclúe a restauración da Ponte Rodríguez, así como un novo acabado para a ponte sobre o río Magdalena.

“A innovación do proxecto é a recuperación e posta en valor do Camiño, favorecendo a súa limpeza e consolidando o seu trazado, cun uso coherente de materiales tradicionais e pavimentos sostibles, dándolle protección ao peregrino naquelas zonas de maior tráfico”, engade Fernández.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.