Raúl Pérez Álava, nomeado presidente da xestora do PP de Navia de Suarna

O Partido Popular continúa a reforzar as agrupacións locais da provincia co nomeamento de Raúl Pérez Álava como presidente da xestora da agrupación local de Navia de Suarna.

Pérez Álava é un veciño e gandeiro do municipio, concretamente da parroquia de Rao, que ten 41 anos de idade. O novo responsable da agrupación local aposta polo rural e asegura que defenderá que “zonas pouco poboadas, como é o caso do municipio de Navia de Suarna, recuperen certa vida e que non haxa que marchar”. Pérez Álava cre que “hai que facer políticas para fixar poboación”.

A dirección provincial agradece a “implicación e vontade de traballo” do presidente da xestora que completará no prazo aproximado dun mes o equipo que o acompañará no seu labor de conformar unha candidatura de cara ás eleccións do municipais do 2023 coa que “ser a alternativa”. Con ese obxectivo, o popular convida a unirse a todas as persoas que queiran traballar por mellorar Navia de Suarna e os servizos a tódolos veciños: “temos que traballar por defender o noso”.

Proxecto atractivo

Os populares continúan fortalecendo as agrupacións municipais “sumando equipos de traballo” e reforzando a estrutura do partido a nivel local. A dirección provincial pon en valor que “o Partido Popular segue a ser un proxecto atractivo para a xente moza e emprendedora coma o caso de Raúl Pérez ou o de Jose ‘Castro’, recentemente nomeado presidente da xestora de Ribeira de Piquín, outro municipio do partido xudicial da Fonsagrada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *