Rematados os traballos de conservación realizados no muro perimetral e nas pinturas do Pazo de Tor, en Monforte

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro visitou o Pazo de Tor tras os traballos de conservación e restauración realizados en elementos arquitectónicos e obras pictóricas do museo monfortino, que forma parte da Rede Museística Provincial de Lugo.
A intervención no edificio realizouse no muro perimetral, que dá acceso ao característico xardín-labirinto de Tor, corrixindo os desprendementos e retirando a cuberta vexetal dalgunhas zonas. O obxecto central da restauración foi o escudo de mármore branco que ocupa a parte central do muro, que estaba visiblemente afectado pola inclemencias meteorolóxicas e unha capa de restos biolóxicos adheridos á superficie.
O tratamento conseguiu devolver o escudo á súa materialidade e facilitar a lectura dos elementos que o compoñen, identificativos das armas dos Varela –linaxe ligada á propiedade do Pazo-.
No tocante ás pinturas, realizouse unha intervención de conservación e restauración en dezaseis cadros expostos en distintas salas do Pazo, parte da colección artística que, xunto ao mobiliario e enseres domésticos, se incluíron na doazón do edificio para o patrimonio público por parte da súa última propietaria María de la Paz Taboada de Andrés e Zúñiga.
Trátase, fundamentalmente, de retratos de membros da nobreza e da xerarquía eclesiástica e iconografía relixiosa, en óleo sobre lenzo e óleo sobre cobre, datados nos séculos XVIII e XIX, de autoría e escolas diversas. Os traballos, encamiñadas á conservación dos materiais orixinais e da información que conteñen, desenvolvéronse tanto nas pinturas como nas molduras dos cadros.
Maite Ferreiro valorou “as intervencións realizadas para conservar e poñer en valor este ben patrimonial, unha das mostras máis importantes da arquitectura pacega galega un dos poucos que se pode visitar completamente musealizado, coas estancias, o mobiliario e as coleccións artísticas que atesourou á propiedade durante séculos” e explicou que “ao longo destes anos vimos impulsando pequenas reformas e intervencións de restauración nos distintos museos de titularidade provincial para garantir a súa protección e reforzar a súa posición como espazos culturais e de coñecemento e estudo”.
Pinturas restauradas
Retrato de Doña Águeda Vieites. Óleo sobre lenzo, de Román Navarro. S. XIX.
Retrato de Don Melitón de Cuenca e San Xoán. Óleo sobre lenzo, de Dionisio Ferros. S.XIX
Virxe de Belén. Óleo sobre lenzo. Escola madrileña. S. XVII
Sagrada Familia.Óleo sobre lenzo, de Joaquín Agrassot. 1860
Virxe de Guadalupe. Óleo sobre lenzo. Escola colonial. S. XVII
Retrato de Agustín Varela de Temes. Óleo sobre lenzo, José Garabal Louzao. S. XIX
Santa Isabel Reina de Hungría. Óleo sobre lenzo. Anónimo. S.XVIII
Retrato Andrés Avelino Rodríguez Varela. Óleo sobre lenzo. Autor descoñecido.S. XIX
Retrato do Cardeal Payá. Óleo sobre lenzo. José Garabal Louzao. 1877
Estandarte Santo Domingo de Guzmán. Óleo sobre lenzo. Anónimo. S. XVIII
Paisaxe. Óleo sobre lenzo, de JM Marqués García. S. XX, anos 20
Virxe das maravillas. Óleo sobre lenzo. Escola de Cusco. S. XVIII
San Humberto. Óleo sobre cobre. Autor descoñecido. S.XX
Copia do orixi¬nal de Tiziano Martirio de S. Lourenzo, a partir do célebre grabado de Cort. Posible-mente provén do virreinato de Nova España.
Circuncisión. Óleo sobre cobre, de autor e data descoñecida.
Descendemento. Óleo sobre cobre, de autor e data descoñecida.