Torrado advirte que o “carrusel de cambios do Sergas certifica o colapso sanitario”

O deputado sinala que a solución non pasa polo “intercambio de cromos” nos cargos, senón polo aumento dos recursos para acabar coa precaridade dos profesionais sanitarios

O viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, referiuse hoxe ao relevos producidos nas xerencia do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés como un “carrusel de cambios” que pon de manifesto que a Xunta xa está a recoñecer o problema que xerou no funcionamento do sistema sanitario galego. Advertiu, ademais, que que a solución non pasa por un cambio de caras, senón que compre un cambio de políticas.

O tamén portavoz de sanidade do grupo do PSdeG referiuse ao cese de José Flores Arias como xerente do Sergas, e dixo que se trata dunha destitución e dun “rebaixamento” das súas funcións, pois pasa a ocuparse da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. En canto ao cese de José Ramón Gómez de Pontevedra-O Salnés, dixo que se trata dunha defenestración pola falta de profesionais e situación caótica xerada na área xusto nun momento en que aumenta moito a demanda de servizos sanitarios debido á afluencia de turistas nas Rías Baixas no período estival.

Julio Torrado remarcou que, nas últimas semanas, pódense constatar numerosas queixas e protestas da cidadanía pola falta de médicos e outros profesionais sanitarios na área de Pontevedra-O Salnés, unha situación que considera “moi perigosa”. Mesmo onte, no municipio de Moraña houbo unha manifestación porque só haberá un médico para todo o municipio durante dúas semanas do mes de agosto.

A maior dúbida que expón o socialista é “ata onde chegará este carrusel de cambios”, xa que para o seu partido os cambios precipitados para “esconder realidades” é o que menos precisa unha “sanidade colapsada” que ten alto risco para os usuarios pola falta de medios e de persoal, ante o aumento dos pacientes potenciais polo atractivo turístico da costa galega.

Incidiu Torrado en que este “intercambio de cromos”, ceses e destitucións non son máis que unha mostra do que leva facendo a Xunta no ámbito sanitario na última década, primeiro negando a existencia dun problema e logo propoñendo “solucións ineficientes e moi discutidas” polos profesionais e polos expertos na materia.

É por iso que o viceportavoz socialista insiste en que a solución pasa por mudar as políticas, as decisións e, en definitiva o modelo que está a implantar o Partido Popular a través do seu conselleiro García Comesaña.

Para o PSdeG a forma de achacar o “colapso innegable” na sanidade galega baséase en aumentar os recursos para a contratación dos profesionais sanitarios e a estabilidade laboral dos mesmo, para acabar cos contratos por días e mesmo por horas. Esa é a “receita” que Torrado lle propón á Xunta para que os profesionais mozos non marchen e mudar o “grave problema” do sistema sanitario galego, que é a alta precariedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.