6.700 mozos e mozas da Mariña poden beneficiarse das axudas do Goberno de 10.800 euros para compra de vivenda

Estas axudas, dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos, forman parte do Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 do Mitma e teñen como prioridade frear o descenso de poboación en municipios do rural

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou hoxe que máis de 6.700 mozos e mozas da Mariña, maiores de 18 anos e menores de 35, teñen acceso ata o 30 de setembro ás axudas de 10.800 euros que o Goberno destina para a adquisición de vivenda habitual. Fíxoo nun encontro en Alfoz con alcaldes e alcaldesas da comarca no que presentou as medidas máis destacadas deste programa de axuda á vivenda.

Estas axudas forman parte do Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e teñen como obxectivo favorecer o asentamento de poboación en concellos menores de 10.000 habitantes. No caso da Comarca da Mariña son 13 os municipios: Alfoz, Lourenzá, Burela, O Valadouro, A Pontenova, Ribadeo, Ourol, Trabada, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, O Vicedo e Xove.

Isabel Rodríguez subliñou que «dende o Goberno garantimos con este tipo de axudas o dereito dos máis novos á vivenda e freamos o descenso de poboación do noso rural. E o facemos con programas que sitúan ás persoas no centro das nosas políticas, aínda que non teñamos as competencias directas nesta materia, pois son de carácter autonómico». Nesta liña, lembrou o impacto que este plan do Goberno ten para Lugo permitindo ter axudas para a compra de vivenda ou aluguer no 91% dos municipios da provincia, pois 61 dos 67 concellos contan con menos de 10.000 habitantes.

A subdelegada explicou que para acceder a este programa estatal establécense varios requisitos. Concretamente, un límite de ingresos da unidade de convivencia que é de tres veces o IPREM (catro veces para persoas con discapacidade e cinco veces se a discapacidade é severa). Ademais, o importe da axuda para compra será dun máximo de 10.800 euros co límite do 20% do prezo de compra, que non debe superar os 120.000 euros, e o domicilio será o habitual e permanente durante os primeiros cinco anos. Para as persoas en aluguer, o inquilino terá cuberta ata a 60% da renda mensual, en alugueiros de ata 600 euros ao mes ou ata 300 euros no caso de habitacións, podendo recibir a axuda un máximo de cinco anos.

A tramitación destas axudas do Plan Estatal de Vivenda corresponde á Comunidade Autónoma, neste caso a Xunta, que publicou o pasado 12 de agosto a convocatoria do Instituto Galego de Vivenda e Solo no Diario Oficial de Galicia fixando o 30 de setembro como último día para presentar solicitudes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.