A Deputación alíase co Basquet Coruña para promocionar o deporte de base e a provincia coruñesa

A campaña turística ‘A Coruña. Unha provincia por descubrir’ loce nas equipacións dos xogadores, nas pantallas do pavillón, nas gradas e nas canastras.
Valentín González Formoso visitou hoxe no Pazo dos Deportes de Riazor da Coruña ao Leyma Basquet Coruña no seu primeiro adestramento da temporada. O encontro serviu para dar a coñecer o novo convenio acadado co club de baloncesto que compite na Liga LEB OURO, a segunda categoría a nivel nacional, e co que a Deputación da Coruña se aliou para promocionar o deporte base e a provincia como destino turístico.
Formoso, acompañado da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; da deputada de Deportes, Cristina Capelán; do deputado de Promoción Económica, Blas García, e do deputado e concelleiro, José Manuel Lage Tuñas, foi recibido polo director xeral do club, Iago Álvarez, saudou un por un a todos os integrantes da plantilla e do corpo técnico.
O presidente valorou a alianza formada xa que o Basquet Coruña «é unha referencia na cidade e na provincia no ámbito do baloncesto, que fai un traballo fundamental no deporte de base, con máis de 600 rapaces e rapazas que día a día se adestran nas súas escolas nas diferentes categorías».
«Queremos axudalos a ser ACB este mesmo ano, quedámonos ás portas nas dúas últimas temporadas e a nosa intención é reforzar ese soño, para iso está a Deputación, para botar unha man e para que se cumpran os soños tanto do primeiro equipo, como da cidade e os dos rapaces e rapazas que ven no equipo unha referencia», afirmou.
Por medio deste acordo, a campaña turística ‘A Coruña. Unha provincia por descubrir’ loce nas equipacións dos xogadores, nas pantallas do pavillón, nas gradas e nas canastras. Formoso salientou que «é unha fórmula magnífica de dar a coñecer a nivel nacional e fóra de España, unha provincia como A Coruña e un país como Galicia, que ten tanto que ofrecer».