A Deputación inviste 70.000 € para financiar o centro ocupacional A Escada, de Culleredo

Valentín González Formoso e José Ramón Rioboo asinaron o convenio para sufragar os gastos do centro dedicado á fomación para o emprego de persoas con discapacidade intelectual media

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron no pazo provincial o convenio de colaboración para o financiamento do centro ocupacional A Escada, o único centro destas características da área metropolitana e ao que acode alumnado de diferentes municipios da comarca.

A institución provincial achegará 70.000 euros, o que supón o 44,69% dos gastos que presenta este servizo durante o 2022, e o Concello de Culleredo achegará a porcentaxe restante para completar o orzamento total, que ascende a 156.648,42 euros.

A Escada é un dos catro centros existentes en Galicia destas características, de carácter público, formativo e prelaboral para persoas adultas con discapacidade intelectual media no que se contempla o fomento de habilidades laborais, terapia ocupacional e de axuste persoal, orientándose ao emprego diario ou ao emprego en empresas protexidas como Centros Especiais de Emprego.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou a relevancia de contar na comarca coruñesa cun centro “destas características, “á vangarda en integración e a formación para persoas con discapacidade intelectual media, no que se busca incrementar a autoestima e habilidades das persoas usuarias, facilitando a súa inserción laboral”. “É a nosa obriga seguir apoiándoo”, afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explicou que este convenio permite “ continuar a nosa liña de traballo en benestar social”, e quixo agradecer ao presidente da Deputación da Coruña a súa colaboración para que este centro continúe a desenvolver un servizo municipal que mellora a vida de moitas familias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.