A filla do afamado empresario natural de Marín, Evaristo Calvar, protagoniza este sábado “Facendo as Américas”

Estíbaliz Veiga viaxa ata o Uruguai para coñecer a Mónica Calvar, filla do afamado empresario galego Evaristo Calvar, que segue os pasos do seu pai na exitosa fábrica de pastas ‘La Sin Rival’

Mónica Calvar, filla do afamado empresario galego natural de Marín, Evaristo Calvar, protagoniza este sábado unha nova entrega da segunda tempada de “Facendo as Américas”.  Un programa que xurde para dar a coñecer a  personaxes galegos ou con raíces galegas que un día decidiron emprender unha nova vida e probar sorte emigrando a Latinoamérica.

Procedente do seu Marín natal, Evaristo Calvar poñía rumbo ao Uruguai para se converter nun empresario de éxito que triunfaba en negocios típicamente italianos, coma os das pastas frescas, ata o punto de non ter rival.

Evaristo conseguiu poñer o Río da Prata como epicentro da pasta, innovando cada día e aprendendo tanto dos seus clientes como da súa propia intuición. Hoxe, unha segunda xeración encabezada pola súa filla, Mónica, segue os pasos do seu proxenitor, sempre emprendendo nos negocios da hostalería, da pasta e da fabricación de pan. E ademais, coma o seu pai, participando na vida social da colonia galega en Montevideo.

Conducido pola actriz e presentadora Estíbaliz Veiga, “Facendo as Américas” presentaranos a eses galegos que arriscaron todo canto tiñan para buscar o éxito alén das súas fronteiras.

Unha viaxe ata A Arxentina, O Brasil, México e Panamá para coñecer de primeira man a traxectoria persoal e profesional de persoeiros de éxito con raíces galegas da talla da actriz Esther Goris, o afamado científico Drauzzio Varella, os empresarios Julio Ríos e Juan Alvite, ou o embaixador da Arxentina en España, Raúl Alfonsín, que serán algúns dos entrevistados desta segunda tempada de “Facendo as Américas”.

A intención principal é entreter divulgando a nosa historia e a dos nosos compatriotas, os galegos que se foron, ou os seus descendentes, e ficaron alén do Atlántico pero que, por suposto, nunca esqueceron a súa orixe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.