A historia da familia Bouza este sábado en “Facendo as Américas”

O afamado científico Drauzzio Varella, a actriz Esther Goris, os empresarios Julio Ríos ou Juan Salgado son algúns dos entrevistados desta segunda tempada que se emite os sábados, ás 18.00 horas, na TVG

A actriz e presentadora Estíblaiz Veiga entrevista este sábado a Juan Bouza, un empresario galego (da Capela) que acadou o éxito no Uruguai. Trátase dunha nova entrega de “Facendo as Américas”, un programa que xurde para dar a coñecer a  personaxes galegos ou con raíces galegas que un día decidiron emprender unha nova vida e probar sorte emigrando a Latinoamérica.

No ano 1954 Juan Bouza, da Capela, e Socorro López, de Narón, deciden cruzar o Atlántico en busca de mellor fortuna. Juan pasou en pouco tempo de asalariado a empresario de múltiples negocios: pasta fresca, pizzería, fabricación de pan, comida conxelada, viño e adegas, queixerías, gandeiría e hostalería. Juan e Socorro retiráronse en 1996 pero o seu espírito emprendedor empuxounos a animar ao seu fillo, Juan Luis, e á súa nora, Elisa, a montar unha adega nas aforas de Montevideo: Bodegas Bouza, pioneira en introducir a variedade albariño en América.

Toda a historia da familia Bouza, mañá, sábado, ás 18.00 horas en Televisión de Galicia.

Conducido pola actriz e presentadora Estíbaliz Veiga, “Facendo as Américas” presentaranos a eses galegos que arriscaron todo canto tiñan para buscar o éxito alén das súas fronteiras. Cun ton amable no que predomina o rigor, os datos, o sentimento, a emotividade e tamén o bo humor, narraremos a través das entrevistas a importantes persoeiros galegos ou os seus descendentes, as circunstancias, dificultades, superacións e anécdotas que a emigración provoco nas súas vidas así como a pegada que imprimiron nos seus respectivos países de adopción.

A intención principal é entreter divulgando a nosa historia e a dos nosos compatriotas, os galegos que se foron, ou os seus descendentes, e ficaron alén do Atlántico pero que, por suposto, nunca esqueceron a súa orixe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.