A Marea de Noia inicia unha campaña para a inclusión de Noia na Área do Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela.

Dende a Marea de Noia reivindicamos a inclusión de Noia na área do transporte metropolitano de Santiago de Compostela. Somos moitas as que temos que desprazarnos a Santiago con regularidade: para estudar, para traballar, para ir ó hospital, etc…e se temos ou queremos facelo en transporte público ofrécenos un servizo que non mudou en medio século cuns prezos que non paran de subir. A inclusión de Noia na área do transporte metropolitano de Santiago faría que o prezo pasara dos 3,70€ que custa actualmente a 2,20€ , con posibilidade de descontos do 50% para quen faga polo menos 40 viaxes ó mes. Ademais, unha vez en Santiago teriamos unha hora para coller gratis calquera urbano e movernos pola cidade.
Se queremos empregar o autobús para ir a traballar ou a estudar, non podemos tardar unha hora en chegar tendo novas vías de comunicación coa capital que practicamente non se están a empregar. A inclusión na área metropolitana faría que aumentaran os buses directos polo corredor. Sería máis rápido e doado ir ó traballo, ó instituto ou á universidade. Por iso esiximos tamén buses directos ás 7:50 para ir e as 14:50 e 20:00 para volver.
Hoxe membros da Asemblea da Mocidade da Marea de Noia participaron nun reparto para informar a cidadanía desta posibilidade. Logo o concelleiro Manolo Seijas, a deputada de En Marea, Paula Quinteiro e o voceiro da asemblea de mocidade Iván Rodríguez atenderon aos medios de comunicación.
O voceiro da Marea destacou que “ é moi importante para Noia esta inclusión, unha boa conexión de transporte público con Santiago de Compostela é fundamental, pois dependemos administrativamente, de xeito sanitario e de educación”
A deputada Paula Quinteiro asegurou que “ trasladaremos esta proposta ao Parlamento Galego para instar á Consellería de Educación a que axilice este proceso, que se traduce nunha mellora no transporte público”
Iván Rodríguez, salientou que “ para a mocidade que non dispoñemos de vehículo privado é clave que se reduza o tempo e o prezo das viaxes”
A campaña que se desenvolverá ao longo desta semana pretende demostrar que hai un necesidade real desta inclusión e que se axilice a incorporación de Noia e comarca na Área do Transporte Metropolitano, tal e como se aprobou en practicamente en todos os Concellos.