A programación do proxecto Onda ODS arranca mañá xoves coa emisión dun espazo radiofónico desde o CEIDA

O espazo abordará cuestións vinculadas coa emerxencia climática e o despoboamento do rural no marco dos obxectivos de sustentabilidade recollidos na Axenda 2030 da ONU
Máis de trescentas emisoras comunitarias e municipais de todo o Estado están detrás do proxecto Onda ODS, cuxa programación arrancará mañá coa emisión dun espazo radiofónico en directo desde a sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), emprazado no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros. Será o punto de partida para desenvolver unha estratexia de comunicación encamiñada a fomentar a reflexión na audiencia e sensibilizar á cidadanía respecto aos obxectivos de desenvolvemento sustentable recollidos pola ONU na súa Axenda 2030, os coñecidos como ODS.
Esta folla de ruta, aprobada o 25 de setembro de 2015 e firmada polos 193 estados membros, condensa o seu ideario en 17 obxectivos e 169 metas vinculadas ás esferas económica, social e ambiental coas que incidir positivamente na vida das persoas, na conservación do planeta e nos niveis globais de prosperidade da poboación mundial.
O programa, que estará conducido por Susana Falcón, de Radifusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, comezará ás nove da mañá e se prolongará durante dúas horas. Nese tempo, pasarán polos micrófonos do estudio diversos protagonistas que, desde unha perspectiva local e de proximidade, abordarán algunhas das cuestións vinculadas con aspectos como a emerxencia climática, estratexias de preservación medioambientais ou a loita contra o despoboamento do rural, todas elas recollidas no documento das Nacións Unidas.
Entre os convidados cos que contará este primeiro programa de Onda ODS figuran o alcalde da localidade anfitrioa, Ángel García Seoane; e representantes das propias asociacións de medios que promoven o proxecto, como Paco Crespo, director xeral de Emisoras Municipais de Andalucía (EMA); Isabel Lema, representante da Rede Estatal de Medios Comunitarios, docente na Universidade da Coruña e membro do consello coordinador de CUAC FM; e María López, directora Radio Televisión Cardedeu (La Xarxa-Cataluña).
As boas prácticas en prol da conservación do planeta serán unha das pezas angulares da emisión polo que terán moito que dicir ao respecto protagonistas como o director do CEIDA, Carlos Vales, Laura Vidal dinamizadora do Consello Climático Xuvenil de Oleiros, entidade que se creou o pasado ano e que ten como obxectivo asesorar ao Concello de Oleiros en temas medioambientais. Así mesmo, tamén compartirán as súas impresións Ana Traseira, directora da UNED en Lugo, unha entidade galardoada recentemente pola súa aplicación da Axenda 2030 na súa actividade diaria; ou César Longo que, ademais de alcalde de Paderne, é directivo do Grupo Reserva da Biosfera Mariña Coruñesa e Terras do Mandeo.
Alumnado do CEIP Juana de Vega e do IES María Casares de Oleiros asistirán como público a este programa que estará amenizado pola música da cantautora Sofía Espiñeira.
As Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión) en asociación con Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), Radio Televisión Cardedeu (La Xarxa-Cataluña) e a Rede Estatal de Medios Comunitarios son os promotores do proxecto ONDA ODS que, como parte da súa estratexia de comunicación, dará voz a persoas e iniciativas que traballan en prol destes valores ao longo de todo o territorio nacional.
O proxecto Onda ODS plasmarase en varios programas, algúns vídeos arredor de iniciativas dinamizadoras do medio rural que loitan contra o despoboamento do mesmo; e varios podcast que abordarán á desigualdade de xénero e ó cambio climático a través de exemplos reais. Parte deste material xa está dispoñible na web. Así mesmo, no marco da iniciativa impartiranse tres cursos de podcast a mulleres, mocidade e responsables de entidades que impulsan procesos de transición ecolóxica no mundo rural.
A proposta está aberta á participación de todas as emisoras municipais e comunitarias galegas para que difundan as iniciativas concretas dos seus concellos e áreas de influencia a través dunha programación específica que se desenvolverá desde agora mesmo e durante as vindeiras semanas.
Constitución da federación de asociacións de medios locais
A cita de mañá no castelo de Santa Cruz de Oleiros servirá tamén para promover a constitución dunha federación de asociacións de medios municipais e comunitarios, coa fin de aproveitar sinerxías para apoiar a programación local e colaborar na produción de espazos que poidan realizar conxuntamente.
Representantes de boa parte dos colectivos implicados no proxecto Onda ODS e de emisoras municipais de todo o Estado reuniránse ás cinco da tarde no centro cívico de Santa Cruz de Oleiros para abordar e debater o borrador dos seus estatutos, no que veñen traballando desde hai tempo.