A Ruta das Alvarizas de Vimianzo, unha oportunidade para descubrir o valioso patrimonio tradicional apícola de Galicia

O vindeiro 24 de setembro o colectivo Máisquemel organiza unha xornada de apiturismo en Vimianzo, da man de Carme Toba, apicultora e experta en patrimonio tradicional apícola da Costa da Morte. A actividade inclúe a Ruta das Alvarizas, ubicada no Monte Faro, pola que se poden observar un gran número de alvarizas de diferente tipoloxía, un valioso patrimonio tradicional que merece ser coñecido e protexido

A longa e arraigada tradición abelleira e a riqueza e diversidade da flora silvestre e paisaxes galegas, ofrécenos multitude de posibilidades para desfrutar do apiturismo en toda a súa magnitude. En Galicia contamos cun rico patrimonio tradicional apícola de gran valor etnográfico,  a través do cal os visitantes poden adentrarse na apicultura milenaria da nosa terra. En particular, a Costa da Morte conta cun gran número de construcións tradicionais ligadas á apicultura, dende as lacenas presentes en moitas aldeas, que resgardaban as abellas no interior das propias vivendas, ata as espectaculares alvarizas de pedra, repartidas polos montes e ubicadas en lugares moitas veces de complicado acceso.

A Ruta das Alvarizas de Vimianzo ofrécenos a oportunidade de achegarnos a todo ese valioso patrimonio agochado durante séculos que, nun percorrido de 8 Km permítenos observar ata 16 alvarizas de diferente tipoloxía. Algunhas delas están moi ben conservadas, incluso con colmeas con abellas no seu interior.

Para adentrarnos neste mundo da apicultura tradicional da Costa da Morte, o colectivo Máisquemel organiza esta xornada o 24 de setembro en Vimianzo, na que os participantes terán como guía a unha das máis expertas coñecedoras deste patrimonio, a apicultura Carme Toba, que explicará a historia da apicultura nesta comarca e os detalles destas espectaculares e características alvarizas.

Máisquemel é un colectivo de persoas amantes das abellas, que se adican á divulgación do mundo apícola e dos seus numerosos beneficios. Entre os seus obxectivos está a promoción do apiturismo, como unha actividade que pode achegar ó público no mundo da apicultura e coñecer o valioso patrimonio cultural co que contamos en Galicia arredor do mundo das abellas, así como a importancia das abellas no medio ambiente e o valor dos seus produtos.

A Ruta das Alvarizas ten 8 km de lonxitude, de tipo circular e dificultade baixa. A hora de comezo será ás 10 h. e unha duración de 3 h. aproximadamente. Pola tarde a xornada concluirá coa visita ó Castelo de Vimianzo, coa mostra de artesanía que alberga no seu interior. Para participar hai que inscribirse antes do 21 de setembro enviando un email a info@maisquemel.gal ou chamando ó 981 589 534 (en horario de mañá) indicando nome completo, teléfono e email.

Máis información en www.maisquemel.gal

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.