A Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol crean unha Cátedra que promoverá a creación dunha Escola de Arqueoloxía na cidade

O Campus Industrial de Ferrol acolleu este venres o acto de firma do convenio polo que se crea a Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial Concello de Ferrol – Universidade da Coruña. O reitor da UDC, Julio Abalde, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron o acordo nun acto que contou coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a concelleira da Área de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez, e o director da Cátedra, o profesor de Historia Antiga, Juan Luis Montero Fenollós.
Asistiron tamén o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, o concelleiro da Área de Cultura, Educación, Universidade, Deporte e Festas, Antonio Golpe, e a concelleira da Área de Economía, Turismo, Estatística e Edusi, Maite Deus.
Na súa intervención, o reitor sinalou que esta nova cátedra permitirá pór en valor os fondos arqueolóxicos da cidade e achegalos non só á comunidade universitaria no Campus Industrial de Ferrol senón tamén ao conxunto da sociedade. Nesta mesma liña, o alcalde, Ángel Mato, gabou a figura do profesor de Historia Antiga Juan Luis Montero Fenollós quen recentemente foi galardoado co Premio Solidario Cidade de Ferrol polo seu proxecto “Máis que arqueoloxía”, unha iniciativa de cooperación educativa e desenvolvemento local nos territorios palestinos.
A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, adscrita á Facultade de Humanidades e Documentación, ten como finalidade intercambiar experiencias nos campus da docencia, a investigación e a cultura en xeral promovendo a creación e xestión dunha Escola de Arqueoloxía en Ferrol así como o estudo, a conservación, a difusión e a valorización do patrimonio arqueolóxico en xeral e o da cidade departamental en particular.
No marco desta colaboración, o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña porán en marcha diversas actividades de formación e divulgación tales como o patrocinio de bolsas predoutorais e postdoutorais, a organización de premios dirixidos aos traballos fin de grao ou máster do alumando do Campus Industrial de Ferrol, a promoción de prácticas curriculares e extracurriculares así como a posta marcha de seminarios, conferencias e/ou exposicións entre outras.
Nos eidos da transferencia e da investigación destaca o interese en desenvolver liñas de investigación conxunta, o de promover encontros de redes nacionais e internacionais de expertos e o de impulsar a contratación de grupos da Universidade da Coruña para levar a cabo accións de innovación ou consultaría especializada na empresa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.