Adega realizará o seu terceiro curso de mestría de compostaxe en Tomiño

A formación está financiada pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. O curso será de balde para o alumnado e vai dirixido a persoas desempregadas, que poderán optar a unha bolsa de emprego
A Asociación Ecoloxista ADEGA presentou en Tomiño o seu “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que hoxe abre o seu prazo de inscrición que terá lugar neste concello desde o 3 ao 31 de outubro neste municipio. No acto de presentación estiveron María Amigo, coordinadora do curso, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.
O obxectivo principal deste curso é formar a persoas desempregadas para que acaden os coñecementos e capacitación necesaria para exercer como profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe da materia orgánica. Algunhas das destrezas que as participantes acadarán ao rematar o curso teñen que ver con saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación ou co manexo dos composteiros domésticos e áreas de compostaxe comunitarias.
Durante o curso realizaranse múltiples actividades de educación ambiental, ciencia cidadá e participación social, ademais de sesións prácticas no programa de compostaxe do concello de Tomiño e unha visita guiada ás instalacións de Ecocelta Galicia S.L., empresa galega pioneira na lombricultura, compostaxe, produción e venda de fertilizantes e substratos orgánicos.
Este proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa dirixida ao impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014- 2020.
CURSO EN TOMIÑO. COMO INSCRIBIRSE
O Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada que se desenvolverá no concello de Tomiño é o terceiro dos catro ciclos formativos que ADEGA pretende executar ata finais do ano 2022. O período de formación deste primeiro curso en mestría de compostaxe de ADEGA terá lugar do 3 ao 31 de outubro. A formación completa consta de 100 horas presenciais e os contidos teórico- prácticos impartiranse de luns a venres en horario de 09:00h a 14:00h no Obradoiro Escola de Goián.
Esta formación está destinada a persoas desempregadas e será totalmente de balde para o alumnado. Dado que as prazas son limitadas, recoméndase que as persoas interesadas en formalizar a solicitude de inscrición o fagan o antes posible e sempre antes do día 28 de setembro no seguinte formulario de inscrición:
Inscrición
Ao finalizar o curso, as persoas participantes que o superen recibirán un Certificado de Mestría en Compostaxe emitido pola entidade estatal Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral.
Ademais, poderán optar a unha bolsa de emprego.
Tamén poden solicitar información a través do e-mail compostaxe@adega.gal ou no teléfono 628 378 804.
A COMPOSTAXE COMO UNHA OPORTUNIDADE DE EMPREGO
A compostaxe, actualmente e no futuro, é unha nova fonte de emprego verde que cada vez terá máis demanda no mercado laboral, dada a necesidade dos estados membros da UE de cumprir cos obxectivos comunitarios en materia de residuos, os cales só se poderán acadar baixo unha axeitada e sustentable xestión dos residuos orgánicos xerados.
ADEGA leva máis de 20 anos promovendo a compostaxe en Galiza e formando a sociedade galega neste método sostible de tratamento de residuos orgánicos. Unha das súas prioridades actuais é formar a persoas como mestras de compostaxe descentralizada, ao tempo, que se fomenta a creación de emprego e se facilita a inserción laboral das persoas desempregadas en ámbitos de economía verde con futuro.