Alfonso Rueda. «Galicia é a única comunidade de España na que a educación infantil de 0 a 3 anos é gratuíta para todas as familias»

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aposta da Xunta pola conciliación ao implantar desde este curso a gratuidade nas escolas infantís da Comunidade, unha medida da que se beneficiarán 30.000 familias sen ter que realizar ningún trámite.  “A conciliación hai que facilitala con medidas reais como esta. É unha medida pioneira en toda España”, sinalou durante unha visita á escola infantil do Pino (A Coruña) con motivo do inicio de curso nesta etapa educativa na que agradeceu o traballo diario que realizan os miles de docentes que traballan nestes centros.

Rueda resaltou que a Xunta vai investir máis de 50 millóns de euros por curso para aplicar a gratuidade xeneralizada nas escolas infantís —xa sexan públicas, privadas ou de iniciativa social— da comunidade galega. O obxectivo é fomentar a conciliación, facilitar que calquera neno  poida acceder a este servizo —con independencia da situación económica da súa familia— e contribuír a aliviar as economías domésticas ao implicar un aforro medio de entre 1.500 e 2.000 € anuais para as familias. “É unha medida que supón un investimento moi importante para que miles de familias aforren unha cantidade importante que dedicar a outras necesidades”, sinalou.

O presidente da Xunta resaltou que Galicia é un referente absoluto en conciliación e educación infantil en España. De feito, o Goberno galego xa leva dado pasos pioneiros nesta materia nos últimos anos. A Xunta duplicou desde 2009 as prazas de educación infantil; abriu 95 casas niño para que os nenos do rural teñan acceso á educación infantil gratuíta; habilitou apoios para as familias como o Bono Coidado —para que máis dun milleiro de fogares contraten un servizo extraordinario de conciliación— ou a Tarxeta Benvida, da que se levan beneficiado unhas 78.000 familias.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visita a escola infantil O Pino

Por último, Rueda destacou o compromiso do Goberno galego con todas as familias. “A gratuidade nas escolas infantís é unha medida que se engloba na obriga que temos as administracións de coidar das persoas desde o berce ata o bastón, é dicir, desde o seu nacemento ata as idades máis avanzadas nas que volven precisar dun especial coidado por parte da Administración”, destacou o presidente autonómico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.