As obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro de Día de Ponteareas, a piques de comezar

A alcaldesa asinou este martes a acta de replanteo que autoriza o inicio dos traballos de reforma

O Concello segue coa súa aposta clara por mellorar os servizos e instalacións municipais ao tempo que traballa para transformar Ponteareas nunha vila máis sustentábel. Neste camiño, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou este martes xunto a Jonathan López, redactor do proxecto técnico e director de obra, e Marcos Veloso, representante da empresa adxudicataria Impervelper a acta de replanteo que autoriza o inicio das obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro de Día, situado na rúa Santa Ana.

“Este proxecto forma parte da estratexia planificada que desenvolvemos dende o Concello para converter os edificios públicos en inmobles máis sustentábeis. Con esta sinatura comeza á recta final dun proxecto co que buscamos mellorar o confort dos usuarios e usuarias ao tempo que realizamos todos os traballos necesarios para unha mellora na conservación do edificio, no acondicionado interior e exterior do inmoble e no illamento térmico, o que derivará nunha redución do consumo anual de enerxía non renovábel”, asegurou a rexedora.

Os traballos de reforma para esta mellora da eficiencia enerxética terán un prazo de execución de 4 meses e suporán un investimento de máis de 47.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’.

A través destas obras, o Goberno municipal do BNG-PSOE mellorará as condicións actuais das dependencias destinadas a Centro de Día levando a cabo a limpeza e reparación da fachada, o levantamento e instalación da carpintaría exterior e o illamento da fachada mediante sistema ETICS e do falso teito con lá mineral, así como a renovación da pintura interior.

Con esta e todas as actuacións de mellora da eficiencia enerxética que se están a realizar dos edificios municipais, como sinala a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote,  “Ponteareas situarase nun dos estándares de sustentabilidade máis altos fixados pola Unión Europea, seguindo os obxectivos da estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.