Caballero: “O AVE Vigo-Porto pon a cidade no centro da alta velocidade ferroviaria”

O alcalde amosou a súa satisfacción co proxecto do goberno portugués de alta velocidade Lisboa-Porto-Vigo que presentou este mércores. Abel Caballero lembrou que España tamén está a traballar no Estudo de Alternativas da Saída Sur Ferroviaria de Vigo que permite a conexión entre a estación de Urzáiz e a fronteira co país luso.

Abel Caballero manifestou en rolda de prensa estar “encantado e entusiasmado” co proxecto da alta velocidade ferroviaria presentado polo goberno de Antonio Costa na cidade de Porto este mércores.

O alcalde afirmou que “é unha gran decisión importante para Portugal, España e singularmente Vigo como cidade”: “Isto pon a Vigo no centro da alta velocidade ferroviaria. É estratéxico”.

Caballero lembrou que o Goberno de España está a traballar na saída sur ferroviaria de Vigo que permitirá a conexión entre a estación de Urzáiz coa fronteira lusa. “Imos ao mesmo ritmo que Portugal”, expresou o rexedor logo de ter falado coa secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera.

España e Portugal manterán o cumio bilateral en Viana do Castelo o mes de outubro onde o plan ferroviario da península ibérica estará sobre a mesa.

Abel Caballero rematou a súa intervención con reproches por non ter en Vigo alta velocidade ferroviaria: “Primeiro foi a Xunta que decidiu que facía a LAV Ourense-Santiago-A Coruña. Gobernaba este concello un alcalde do BNG que de xeito vergoñento ficou calado. O goberno de Rajoy parou o estudo hidroxeolóxico que agora retomamos. Rajoy parouno con Feijóo de presidente da Xunta que tampouco alzou a voz. Tiven que facelo eu, Abel Caballero alcalde de Vigo.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.