Comunicado do Movemento Galego da Saúde Mental sobre a mortalidade por suicidio en Galicia en 2021

Acaba de publicarse o informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) sobre a actividade realizada no ano 2021. Entre outros datos, recollen a mortalidade por suicidio investigada por esta entidade pública. Aínda que son escasos como para guiar unha acción preventiva eficaz, é a única fonte de datos que proporciona información sobre a mortalidade por suicidio. Do número e características das tentativas autolíticas, nada se sabe.

En Galicia, un total de 331 persoas faleceron por suicidio o ano pasado, case unha persoa cada día, nunha tendencia novamente ascendente desde o ano 2018.

O informe do 2021 (con respecto ao 2019) recolle datos que preocupan especialmente, na desagregación por xénero e idade: no caso dos homes, a mortalidade apenas amosa cambios, o que é unha noticia moi negativa (227 en 2019, 220 en 2020 e 224 en 2021); no caso das mulleres pasouse das 91 mortes en 2019, a unha leve baixada en 2020, ata 87 mortes, e un repunte no 2021, chegando aos 107 falecementos femininos. Este aumento é especialmente significativo nas rapazas de menos de 20 anos, e nas décadas dos 30 e os 70 anos. Fronte a realidade da desigual distribución por xénero (e dalgún prexuízo asociado con isto), haberá que estar moi atentxs a este cambio de tendencia, dunha realidade xa de por si dura.

Á espera da publicación dos datos do Instituto Nacional de Estatística para todo o territorio español, con toda probabilidade, Galicia seguirá estando por riba da media estatal.

Conseguido, pola presión cidadá, o Plan Galego de Prevención do Suicidio en 2017, o balance do mesmo é negativo.

5 anos perdidos, a maior parte deles sen un orzamento e inversión proporcional á magnitude do problema sanitario e social que comporta.

5 anos sen escoitar o que a OMS insiste: un plan eficaz vai máis aló do ámbito sanitario; os enfoques centrados case exclusivamente no sistema sanitario teñen un impacto limitado na redución das taxas de suicidio. Fronte a isto, a Xunta de Galicia publicita no Día Mundial da Prevención do Suicidio deste ano a creación de unidades asistenciais específicas en cada área sanitaria. O mesmo que publicitaran o ano pasado, sen éxito.

5 anos sen ter datos de calidade, precisos e regulares no tempo para guiar a acción preventiva. Sen potenciar a investigación e os recursos cos que podemos contar, como son os equipos de investigación das universidades galegas.

5 anos sen un equipo profesional contratado para desenvolver cada unha das 7 liñas estratéxicas do Plan Galego de Prevención do Suicidio, avaliando o seu grao de adecuación ás liñas recomendadas pola OMS, e o seu grao de execución.

5 anos sen memoria de seguimento.

O suicidio pódese previr. A Organización Mundial da Saúde leva advertindo desde hai anos sobre a necesidade perentoria de accións gubernamentais para a redución das taxas de suicidio. Co horizonte do 2030, a ONU e a OMS traballan na meta da redución dun terzo das mortes por suicidio.

Cantos anos máis imos perder? Cantas persoas?

Para cando o inicio rigoroso e sistemático do plan preventivo?

 

MGSM

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.