Demandan a baixada ao pecio do Vila de Pitanxo para lograr datos directos e determinar as causas do naufraxio

Néstor Rego recolle o malestar dos familiares dos mariñeiros falecidos durante o afundimento do Vila de Pitanxo e demanda ao executivo estatal maior diálogo e transparencia durante a investigación

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas a raíz das últimas novas coñecidas sobre a investigación do naufraxio do Vila de Pitanxo. A frente nacionalista non entende a negativa do Goberno do Estado de baixar ao pecio e inspeccionar o casco afundido empregando robots e lograr datos directos sobre os danos e determinar as causas do naufraxio. Así mesmo, demandan maior diálogo e transparencia coas familias dos mariñeiros falecidos para que se informe de todas as novidades e actuacións que se realicen durante a investigación levada a cabo pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos.

No Boletín Oficial do Estado publicouse o anuncio, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, sobre a formalización dun contrato para a realización dun servizo de asistencia técnica na investigación do accidente marítimo do buque Vila de Pitanxo. O contrato obedece á construción dunha réplica do pesqueiro para, nun canal de auga, recrear as condicións que puideron ocasionar o afundimento da embarcación en que faleceron 21 mariñeiros o pasado 15 de febreiro.

“Resulta preocupante que o Goberno do Estado pretenda suplir a necesidade de baixar directamente ao buque, tal e como veñen solicitando as familias, con esta reconstrución mediante un modelo” destaca o deputado do BNG. Para Rego e a organización nacionalista, segue sendo necesario “e perfectamente posíbel e viábel” que se envíe un buque “até a zona do afundimento e poder baixar ao pecio a inspeccionar o exterior cun robot” como xa se realizou con outros buques afundidos.

En opinión do deputado nacionalista, non pode entenderse que, existindo esta opción para a observación directa do barco afundido, o Goberno continúe negando esta posibilidade e opte por unha simulación das condicións marítimas e do buque. “seguen sen ter en conta as xustas e reiteradas peticións dos familiares dos mariñeiros. Mesmo nin os informaron na pasada reunión que mantiveron coa ministra do MITMA, o pasado 26 de xullo, de que se ía realizar esta simulación cando os trámites debían estar xa finalizados” destaca Rego.

A decisión tomada polo executivo estatal causou unha fonda decepción nas familias dos mariñeiros desaparecidos, que continúan insistindo en que a baixada ao pecio é “a mellor alternativa para avanzar na investigación”. Neste sentido, Rego urxe o Goberno rectificar a súa decisión e ordenar finalmente a baixada ao buque para a observación do exterior empregando robots e lograr datos directos sobre os danos e determinar as causas do naufraxio.

Por último, o deputado da organización nacionalista lembra que a investigación pericial da CIAIM deberá estar finalizada nun ano, a contar desde a data do naufraxio, polo que “é necesario axilizar todas as probas e trámites pendentes para obter as conclusións finais que serán complementarias das que se realice na investigación penal entre as que se debe considerar o descenso até o buque afundido”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.