Demandan reducir o prazo de construción das rotondas de Guísamo a ano e medio

O Ministerio de Infraestruturas permite á construtora empregar case dous anos e medio en facer a obra

O prazo de case dous anos e medio para construír dúas glorietas en Guísamo resulta a todas luces excesivo, pero así llo permitirá legalmente o estado á empresa construtora, tras rebaixar o prazo inicial, fixado en 34 meses, aos 28 actuais. Ese é o motivo polo que o grupo da Alternativa no concello de Bergondo presenta unha moción ao pleno municipal.

Fontes técnicas consultadas polo grupo municipal estiman que as obras non deberan prolongarse máis dos 18 meses, co que ese ano e medio sería tempo suficiente para soportar as molestias que inevitablemente producirán os labores de transformación da infraestrutura.

Alternativa pide ao resto dos concelleiros e concelleiras de Bergondo que o municipio solicite do Ministerio de Infraestruturas que fixe ese prazo máis acaído e realista, para minimizar no posible a operatividade e rendibilidade de tan importantes nós viarios. A prolongación no tempo dese tipo de obras resulta lesiva para a economía das empresas que utilizan a N-VI neses puntos e para as veciñas e veciños que teñen a obriga de atravesalos por necesidades da súa vida cotián.

As obras consisten en converter por fin en rotondas as interseccións entre a estrada N-VI e as que van para Ferrol e Cambre, distantes entre elas uns centos de metros. As actuais configuracións viarias da zona, moi antigas e complexas para a mobilidade actual, provocaban numerosos problemas para a seguridade viaria e incluso tiñan a consideración oficial de “treito de elevada concentración de accidentes”.

A realización da obra en si resulta moi satisfactoria, xa que se trata de nós de primeira magnitude, moi presionados polo conxunto do tráfico metropolitano e pola proximidade do polígono industrial bergondés, así como polos numerosos puntos de actividade económica na súa contorna, un espazo practicamente urbano e complexo. Simplificar a circulación automobilística con rotondas e atender a outros medios de mobilidade como a ciclista e peonil resulta un gran avance para estes puntos críticos da mobilidade do municipio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.