Descoberta a placa conmemorativa do 40 aniversario do BNG

Un nutrido grupo de persoas acompañaron esta mañá a portavoz nacional e o voceiro do BNG no Concello –Ana Pontón e Francisco Jorquera- no acto de descoberta, no Frontón de Riazor, da placa conmemorativa do 40 aniversario do BNG

E é que o BNG se fundou precisamente hai 40 anos –os días 25 e 26 de setembro- nunhas sesións que tiveron lugar no Frontón de Riazor.  “E teño que dicirvos que eu estaba alí. A diferenza de Ana Pontón”, comezou por dicir Francisco Jorquera. Mais a seguir esclareceu: “Que ninguén se alporice. Non digo isto para poñerme medallas. Nin moito menos en menoscabo de Ana Pontón. A explicación é sinxela: Ana aínda é máis nova ca min”, dixo o voceiro nacionalista a xeito de brincadeira.

Na súa intervención, Jorquera puxo o acento nos lazos que unen a nosa cidade con acontecementos referenciais na historia do nacionalismo galego. “Así foi desde que no Rexurdimento persoas con tantos vencellos coa Coruña como Rosalía, Curros ou Manuel Murguía iniciaron o traballo de restauración do noso idioma e da nosa historia. Da defensa, en fin, dunha Galiza de seu”, remarcou.

E estendeuse: “Así foi desde que ergueron a bandeira da defensa do autogoberno precursores como o betanceiro Antolín Faraldo, figura chave na configuración dunha conciencia galega no eido político”. E como farían despois as Irmandades da Fala, “nadas tamén nesta cidade”.

O relato endereitou por vieiros autobiográficos cando Jorquera lembrou que el comezara a militar no nacionalismo “no seo do movemento estudiantil, durante o curso 78/79”. E xa pertencía ás organizacións preexistentes ao BNG cando “fun unha das centos de persoas que se reuniron no Frontón de Riazor para dar lugar ao nacemento do BNG”.

“Para min”, subliñou, “é un orgullo representar o BNG nunha cidade tan vencellada á historia do nacionalismo galego. Para min é un orgullo militar nunha organización que desde hai 40 anos está ao servizo do pobo galego. Unha organización que é historia viva do noso país. Historia viva, porque está máis viva que nunca”.

E no nutrido grupo de persoas presentes no acto había unha notábel representación de militantes que participaron activamente naquelas xornadas de setembro de 1982. “Hoxe aquí hai persoas que viviron aquel momento. Outras que se incorporaron ao longo deses 40 anos. E para min é un orgullo ser parte desta organización que chega aos 40 anos no seu mellor momento de apoio social e electoral”, dixo por súa parte Ana Pontón.

Chega o BNG ás catro décadas de vida “cunha responsabilidade moi importante sobre os seus ombros”, a que depositaron coa súa confianza as galegas e os galegos “que nos situaron como alternativa” do goberno fronte ao PP. “Ímonos deixar a pel”, resaltou, “para esta responsabilidade se materializar en que este país se dote dun goberno coas mans libres para defender os intereses galegos, un goberno presidido polo BNG que traia futuro e esperanza”.

O BNG sempre “achegou en positivo á causa dunha Galiza mellor”. “Con erros ás veces, tamén por suposto con acertos, fomos e somos unha forza política fundamental. O BNG sentoulle ben a Galiza. Dito con toda modestia, mais moitos dos avanzos que se produciron neste país nestes 40 anos levaron o selo do nacionalismo galego”.

O Bloque ofrécelle á sociedade galega algo que ninguén máis pode ofrecerlle: “Unha organización sólida e unidade, mais tamén libre, libre de ataduras cos grandes poderes económicos e libre de ataduras con Madrid. A nós só nos ata a defensa de Galiza, o amor inmenso que sentimos por este país. Desde ese amor queremos construír un país mellor, unha Galiza en grande, con máis oportunidades e con máis futuro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.