Este sábado comeza no Fórum un ciclo de espectáculos de maxia dirixido ao público familiar

Os espectáculos desenvolveranse os sábados 3, 17 e 24 de setembro a partir das 19.00 horas

Este sábado comeza no Fórum Metropolitano un ciclo de espectáculos de maxia especialmente dirixidos ao público familiar. Forumáxico inclúe tres citas, os sábados 3, 17 e 24 de setembro, vinculadas á Rede Galega de Teatros e Auditorios, de apoio as artes escénicas do Agadic.

As entradas xa están á venda en Ataquilla.com e no despacho de billetes da praza de Ourense, cun prezo de 2 euros para os menores de tres anos e de cinco euros para o público en xeral. Os abonos familiares, compostos por tres entradas para a mesma función, teñen un custo de 12 euros. Poderanse adquirir tamén as entradas no despacho de billetes do Fórum Metropolitano unha hora antes de cada espectáculo, só se quedan entradas dispoñibles.

O ciclo Forumáxico está dirixido ao público familiar, a partir de 4 anos, e pensado para que os nenos e nenas -e tamén os maiores- poidan gozar do misterio, da comedia, da música, dos contos tradicionais, da poesía, mais sempre coa maxia como protagonista.

Trátase dunha proposta que combina distintos tipos de maxia (visual, de proximidade, cartas, escapismo, malabares) e moito humor, dando como resultado espectáculos ideais para todos os públicos, para gozar en familia. En definitiva, espectáculos para ollar, degustar, rir, sorprenderse e deixar voar a imaxinación.

«Cantando bajo la magia», de Luigi Ludus; «O camiño do afiador», do Mago Teto; e «Old Time Bakery», da compañía Mag Edgard;  conforman os espectáculos deste ciclo, con representacións que comezarán ás 19.00 horas.

CANTANDO BAJO LA MAGIA. Luigi Ludus

  • Sábado 3 de setembro 2022 ás 19.00 h
  • Duración: 70 minutos

«Cantando bajo la magia» é un espectáculo de maxia onde a música ten un papel moi importante. Xogos con diferentes instrumentos musicais como as campás de hotel, xogos de maxia cantada, aros «rapeados» e un can de peluche que non só é poeta senón que tamén canta e fai maxia.

Un espectáculo ideal para que os máis pequenos da familia entren no mundo do teatro por unha porta máxica e divertida. Unha proposta orixinal do mago Luigi Ludus onde diferentes disciplinas se funden para crear unha experiencia diferente e máxica.

O CAMIÑO DO AFIADOR / Mago Teto

  • Sábado 17 de setembro 2022, ás 19.00 h
  • Duración: 60 minutos

Un espectáculo que xira arredor dunha roda de afiar dos anos trinta, nun show que amosa como os afiadores percorrían as rutas dos Camiños de Santiago nunha continua ida e volta e coas máis sorprendentes historias. Para os efectos de maxia deste espectáculo empréganse elementos típicos dos afiadores como poden ser coitelos, tesoiras, navallas e paraugas.

OLD TIME BAKERY / Mag Edgard

  • Sábado 24 de setembro 2020, ás 19.00 h
  • Duración: 75 minutos

Old Time Bakery é un espectáculo de maxia visual contada desde diferentes puntos de vista, cunha posta en escena orixinal e números innovadores que fan deste espectáculo un plan perfecto para unha tarde verdadeiramente máxica.

Creado para toda a familia, os máis pequenos e pequenas descubrirán un montón de historias máxicas e os maiores lembrarán momentos únicos. Mag Edgard convídanos a entrar no seu mundo, nun espazo onde acontecen a cada momento as situacións máis tolas e, sobre todo, as máis imposibles.

Máis información

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.