Hai que educar a papá. Por @DulceCorcu

Tal era o título dunha película alá polos primeiros anos setenta do simpar Paco Martínez Soria, onde de pobre de solemnidade pasaba a millonario e a súa familia quería que se adaptase ao novo estatus e deixase atrás a ese home sinxelo preocupado únicamente das cousas que consideraba importantes, coma fixera sempre. Porque está claro que o éxito ás veces mergúllanos nunhas dinámicas que non permiten ocuparse de temas tan terreais como saber que curso estudan os teus propios fillos ou fillas.

Ou alomenos iso parece acontecerlle a Juanma Castaño, xornalista deportivo que nunha recente entrevista recoñeceu entre risas non saber en que curso vai a súa prole. Dixo que «se liaba» con todo o que non fora a EXG, extinta hai nada menos que vinte anos, tempo no que se ve que non tivo ocasión para adaptarse por moito que teña fillos en idade escolar. Foi o propio presentador do programa, guiándose pola idade do rapaz, o que lle sinalou o curso correspondente. Máis alá da brincadeira televisiva, di moito diso que chamamos «conciliación», porque un pai que non sabe o que estuda o seu fillo, dificílmente fará algunha vez os deberes con el ou irá ás titorías ou xuntanzas do colexio. Cousas de nais maiormente, porque resulta difícil atopar unha nai, de calquera profesión, que descoñeza algo tan relevante na educación das súas crianzas. Por iso a mensaxe, transmitida desde un espazo que ven miles de persoas, é tan desalentadora: os homes de éxito profesional non están para ese tipo de «minucias» que rouban tempo a outras que consideran verdadeiramente importantes, aínda que non pasen de superficiais. En pleno século XXI hai que seguir educando a papá.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.