Inés Rey dálle a benvida ao novo alumnado da UDC

A Universidade celebrou unha xornada de inicio, con bolseiros/as doutorais e alumnado chegado doutras partes do mundo
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá á xornada de apertura organizada pola Universidade da Coruña, orientada ao alumnado que inicia este curso na UDC. A alcaldesa deulles a benvida aos novos alumnos e alumnas á Coruña, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, M.ª José Lombardía Cortiña e o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso.
Entre o alumnado atopábanse persoas beneficiarias das bolsas Erasmus ou de convenios bilaterais chegadas de diferentes puntos de Europa e Latinoamérica. Tamén alumnado de doutoramento doutros puntos de España. “Sodes o claro exemplo de que esta Universidade continúa atraendo o mellor talento, contribuíndo a que A Coruña siga sendo unha cidade de referencia en todos os ámbitos” sinalou a alcaldesa.
“Espero que gocedes moito da Coruña. Unha cidade aberta e acolledora na que moi pronto vos sentiredes coma na casa e que espero, se converta na vosa cidade de vida no futuro” concluíu Inés Rey.