Mondariz ultima o proceso de legalización do colector xeral de augas residuais

O proceso de legalización desta infraestrutura, iniciado en outubro de 2021 na Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), é un requerimento administrativo básico para tramitar a autorización de vertedura de augas residuais e a conexión da rede municipal de saneamento á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Mondariz-Balneario

O Concello de Mondariz está avanzando no proceso de legalización do colector xeral de augas residuais construído en 2015 na marxe esquerda do río Tea, co obxectivo de conectar a rede municipal de saneamento de Mondariz coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) construída en 2006 por Augas de Galicia no veciño Concello de Mondariz-Balneario.
«Recentemente recibimos un requerimento de documentación da CHMS no que se demanda a tramitación conxunta da legalización do colector xeral e a autorización de vertedura de augas residuais. Este proceso abre unha porta a solucionar o problema de conexión do colector xeral á EDAR de Mondariz-Balneario, enquistado desde hai máis de 15 anos. Supón un avance importante. Confiamos en que a legalización da infraestrutura sexa resolta satisfactoriamente», explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Antes de proceder a solicitar a legalización do colector xeral de augas residuais, en outubro de 2021, o Concello de Mondariz xa recibira un informe positivo da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que daba por superados os danos provocados pola construción do colector xeral na contorna.
«Desde que iniciou o seu mandato, hai máis de tres anos, este Goberno municipal está traballando arreo para solucionar os problemas de conexión da rede municipal de saneamento coa EDAR construída en Mondariz-Balneario. É un problema complexo, como demostra a necesidade de realizar trámites como a legalización dunha infraestrutura construída en 2015″, sinala Barros.

Unhas obras amparadas no convenio de colaboración

En 2005, os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario asinaron un convenio de colaboración para o sostemento conxunto da gardería infantil, o punto limpo e a depuración de augas residuais. Segundo indica o alcalde de Mondariz, «no convenio de 2005, no apartado III da exposición de motivos, di textualmente que estaba prevista unha rede de colectores que aumente considerablemente o número de veciños e veciñas de Mondariz que poidan verter as augas residuais na nova depuradora» construída en 2006 por Augas de Galicia con fondos europeos para satisfacer as necesidades dunha poboación de 6.000 habitantes. Con todo, a EDAR de Mondariz-Balneario leva funcionando desde o principio moi por debaixo destas capacidades e tan só dá servizo de vertedura de augas residuais a uns 500 veciños e veciñas de Mondariz. 
En 2015, cunha subvención da Deputación de Pontevedra, Mondariz construíu un colector xeral de augas residuais para dar servizo a 2.000 habitantes, mais esta infraestrutura mantívose en desuso pola negativa de Mondariz-Balneario a autorizar a súa conexión á EDAR.
 
«Durante estes últimos anos solicitamos a convocatoria dunha reunión de seguimento do convenio de colaboración en varias ocasións. Non se pode tolerar que os acordos establecidos neses convenio de 2005 sexan modificados de xeito unilateral e sistemático por parte de Mondariz-Balneario, cando é precisamente Mondariz o concello que está a sustentar economicamente boa parte dos custes do servizo de depuración de augas», indica Barros.

Opacidade informativa sobre os custes da depuración

En relación á EDAR non só preocupa a falta de vontade política de Mondariz-Balneario para sentarse a falar sobre o convenio de colaboración, senón tamén a opacidade informativa respecto dos importes que lle pasa anualmente a Mondariz polo custe do servizo de depuración de augas residuais.
 
«Podemos falar mesmo de ocultismo. O Concello de Mondariz solicitou datos e aclaracións sobre os custes do servizo de depuración de augas residuais, pero non recibiu resposta de Mondariz-Balneario. A día de hoxe seguimos sen saber canto custa depurar as augas residuais na EDAR de Mondariz-Balneario. As contas non saen», sinala Barros.
Diante desta situación, o Concello de Mondariz resístese a pagar a cegas por un servizo do que descoñece os custes. «No orzamento municipal de 2021 había unha partida para esta finalidade, pero non se executou o pagamento pola falta de aclaración. Como se explica que en 2018 se pagaran uns 14.000 € e en 2020 uns 60.000 €? Solicitamos formalmente unha aclaración ao respecto pero non tivemos resposta de Mondariz-Balneario», comenta o alcalde de Mondariz. «Hai vontade de pagar, pero non estamos dispostos a pagar a cegas, sen unha xustificación do que se está pagando. Se todo está en orde, por que non se aclaran os importes? Non é razoable», conclúe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.