Muras promociona este domingo a súa tradición gandeira coa XXXIV Feira do Poldro e do Gando do Monte

Medio Rural apoia un ano máis a celebración do evento, organizado polo Concello de Muras coa colaboración de Puraga

Muras celebrará o vindeiro domingo a trixésimo cuarta edición da Feira do Poldro e do Gando de Monte, co apoio de Medio Rural da Deputación de Lugo. A deputada Mónica Freire e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, acompañados por Isabel Casariego de Puraga, o tenente alcalde murés Mario Rouco e Benigno Gómez, presidente de Atila Amigos dos Cabalos, presentaron o programa da feira, que promociona a tradición gandeira do  concello e do Xistral, que concentra unha parte importante do gando cabalar do país.

Manuel Requeijo destacou a variedade do programa que suma “ao mercado de compra e venda de gando cabalar e vacún diferentes actividades e espectáculos para divertir e entreter a todas as persoas que non teñan un interese directo na gandeiría” e avanzou que “o Concello está a traballar para que a Feira, que é de Interese Turístico Galego, sexa distinguida como Feira de Interese Turístico Nacional”.

O alcalde murés tivo palabras de recoñecemento para “as gandeiras e gandeiros que  se implicaron na feira ao longo dos anos, que son parte fundamental de que hoxe poidamos falar dunha feira consolidada e de referencia en Galicia”. Varios dos seus testemuños recóllense nun vídeo que se difundirá a través das redes sociais do Concello de Muras.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire ratificou o apoio á Feira e valorou a súa “repercusión no ámbito económico e produtivo”, pero tamén “a oportunidade que supón para sensibilizar a toda a sociedade, non só ás persoas que viven e traballan no sector, sobre o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte. É importante que percibamos a importancia desta actividade para o equilibrio territorial e para unha produción alimentaria de calidade e proximidade”, apuntou.

Isabel Casariego repasou as actividades que se levarán a cabo desde Puraga para dar a coñecer os animais de Pura Raza Galega como un concurso morfolóxico, carreiras de cabalo marchador  e bautismo hípicos , e puxo énfase en convidar “á degustación gratuíta  de carne de poldro que se ofrecerá na Feira”, e coa que pretenden promocionar o consumo deste produto, que se comercializa co selo 100×100 Raza Autóctona.

Pola súa banda, Benigno Gómez, deu conta da ruta que organizarán desde a Atila Amigos dos Cabalos, con saída desde Muras cara ao Alto da Gañidoira, onde se sumarán á Feira.

Programa da Feira do Poldro e do Gando de Monte 

  • 10.00h. Apertura da feira
  • 10.30h. Cualificación do gando
  • 11.00h. Exhibición de cantería tradicional
  • 11.00h. Concurso morfolóxico Puraga
  • 11.30-14.30h. Inchables e touro mecánico para nenos. Gratuítos.
  • 12.00h. Exhibición de escultura de madeira con motoserra
  • 12.00-14.00 e 16.00-18.00h. Bautismo hípico Pony Club. Actividade infantil gratuíta
  • 12.30h. Degustación de hamburguesa «Gañidoira» de carne de poldro 100 % de raza autóctona
  • 13.00-14.00h. Carreiras de Cabalo Marchador Galego (Puraga)
  • 16.00h. Carrera de cabalos a cargo da asociación Atila
  • 17.00h. Carrera de cabalos federada Jockey Club
  • 19.00h. Entrega de premios do CONCURSO DA FEIRA DO POLDRO E GANDO DO MONTE (Maior número de cabezas de gando, Mellor semental cabalar, Mellor egua, Mellor lote cabalar, Mellor cría cabalar do ano, Mellor semental bovino,  Mellor vaca,  Mellor lote bovino, Mellor cría bovina do ano).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.