Nova Galega de Danza representa «Leira» este sábado en Boiro

Leira logrou un dos premios máis recoñecidos das artes escénicas nacionais en 2021 (Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza) e a compañía acaba de ser recoñecida co Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia

O Pazo de Goiáns de Boiro acollerá este sábado 24 de setembro ás 20:30h a representación de Leira, espectáculo de Nova Galega de Danza, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz e patrocinada por Vegalsa-Eroski. O espectáculo forma parte da programación cultural do Concello de Boiro durante o mes de setembro e ofrecerá entrada de balde.

Leira, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Centro Coreográfico Galego, amosa unha exaltación da labor do campo por medio do corpo e da terra. Danza e música representan a agricultura tradicional galega e a dureza da mesma durante todas as estacións do ano, día e noite, baixo vento, chuvia ou xeada.

O corpo de danza de Leira, composto por catro bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Pablo Sánchez e Iván Villar) e a cantante e compositora Rosa Cedrón, desenvolverán unha coreografía na que os artistas xogan cunha escenografía minimalista sobre un chan de terra, unha terra que remata sendo un protagonista máis da proposta escénica.

O espectáculo que convirte a Nova Galega de Danza na primeira agrupación galega de danza recoñecida polos Premios Max

Nova Galega de Danza ven de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar nesta peza, pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza. Este fito sitúa á compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardonada en ámbito nacional por este certame promovido pola SGAE.

Ademais, na pasada fin de semana Nova Galega de Danza obtivo o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. Trátase dunha distinción outorgada pola Xunta de Galicia a aqueles axentes culturais destacados pola súa innovación e preservación da idiosincrasia galega.

A agrupación, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Leira supón o sexto espectáculo de Nova Galega de Danza tras Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).

Á dirección de Jaime Pablo Díaz súmanse o compositor musical Sergio Moure e a intérprete musical Rosa Cedrón.

A compañía conta cos seguintes recoñecementos:

-Cuarto premio en I Maratón de Danza de Madrid.

-Segundo premio en I Certame de Creación Coreográfica de Galicia.

-Finalista do XI Certame Nacional de Danza Española e Flamenco.

-Finalista dos Premios Max 2005 como Mellor Espectáculo Revelación.

-Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009.

-Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2016 e 2020.

-Mención Especial no TAC de Valladolid 2021.

-Finalista dos Premios MAX 2021 ó mellor espectáculo de danza.

-Gañador Premios MAX 2021 ó mellor intérprete masculino de danza para Iván Villar.

-Insignia de Oro do Concello de Ferrol 2021.

-Premio da Cultura Galega 2021 (outorgado pola Xunta de Galicia).

Foto portada: Xan Domínguez

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.