O alumnado do CEIP Gándara-Sofán estrea pavillón deportivo

O Concello de Carballo realizou un investimento superior aos 200.000 euros na reforma integral da instalación

O alumnado do CEIP Gándara-Sofán xa puido estrear hoxe o renovado pavillón polideportivo, despois da visita realizada onte por responsables técnicos e políticos do Concello de Carballo, da empresa construtora e do colexio para formalizar a finalización das obras. A dirección do centro trasladou ao alcalde, Evencio Ferrero, e aos concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas, presentes no acto de recepción, a satisfacción da comunidade educativa polo aproveitamento que vai ter o investimento realizado.

O groso da actuación, executada pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 208.579,69 euros, destinouse á renovación da cuberta, pero tamén se levaron a cabo outras importantes melloras na instalación deportiva: illamento, nova rede de recollida e evacuación das augas pluviais, substitución do panel metálico da fachada oeste, gradas, novo pavimento, rocódromo, pintura interior e dos campos de xogo e equipamento deportivo como canastras retráctiles, porterías, etc.

No exterior do pavillón tamén se instalou unha cuberta que une a renovada instalación deportiva co edificio dedicado á actividade docente. A creación desa pasarela cuberta foi posible grazas á creación dun novo acceso ao recinto escolar, que tamén se acometeu dentro do mesmo proxecto. As obras realizáronse aproveitando as vacacións de verán, e quedaron listas nestes primeiros días do curso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.