O BNG celebra que o Goberno rectifique e bonifique en 100% a liña AVANT Ourense-A Coruña

Néstor Rego demanda habilitar unha liña telefónica con atención en galego para que as persoas usuarias poidan obter información sobre as bonificacións na súa lingua, un dereito que recolle a lexislación vixente

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa para que o Goberno do Estado habilite información telefónica sobre as bonificacións de 100% para viaxeiros de ferrocarril recorrentes en galego e no resto de linguas oficiais do Estado, alén da habilitada en español e catalán. Así mesmo, Rego celebra a rectificación por parte do Goberno do Estado e a inclusión da liña AVANT Ourense-Santiago-A Coruña na bonificación de 100%, tal e como veu reclamando o BNG ao longo destes meses a través de iniciativas na cámara baixa e a mobilización nas tres cidades galegas afectadas.

A entrada en vigor das bonificacións de 100% no transporte ferroviario de cercanías e Media Distancia aos usuarios recorrentes aplícase de 1 de setembro a 31 de decembro de 2022. Para informar de como obter estas bonificacións, RENFE habilitou unha liña telefónica específica que quedou saturada case de maneira inmediata pola alta demanda, o que esta e está dificultando o acceso á información por parte das persoas usuarias.

“Alén do máis, esta liña telefónica está unicamente dispoñíbel en español e catalán, o que impide ás persoas falantes doutras linguas oficiais, como é o caso do galego na Galiza, solicitar a información na súa propia lingua, o que vulnera os seus dereitos lingüísticos” destaca o deputado do BNG no Congreso. Rego non entende cales son as razóns que levaron a que compañía ferroviaria non facilitase unha liña telefónica en galego e para o resto de linguas oficiais do Estado.

Neste sentido, a frente nacionalista explica que Renfe é un organismo público e na lei que a regula existe un apartado referido aos dereitos das persoas nas súas relacións coas Administracións Públicas onde se estipula que as persoas teñen o dereito de utilizar as linguas oficiais do seu territorio. “Entendemos que o Goberno do Estado debe rectificar e habilitar a posibilidade de acceder á información telefónica sobre os bonos tamén en galego mentres estes estean dispoñíbeis” afirma.

Boa rectificación: incluír na bonificación de 100% a liña AVANT

“O Goberno confirma que, tal e como veu reclamando o BNG, rectifica e incluirá a liña AVANT Ourense-A Coruña na bonificación de 100%” celebra o deputado nacionalista,  ante a previsión de que o executivo aprobe nesta terza feira a medida a través dun novo Real Decreto-lei. Rego lembra que esta boa noticia é froito “da constancia na denuncia dunha decisión que representaba unha discriminación para a Galiza”, sendo o BNG “a única forza política que o pediu a través de iniciativas no Congreso e actos de denuncia nas tres cidades afectadas”.

Paralelamente, incide na necesidade de continuar mellorando o servizo ferroviario galego. “Débense dotar de medios materiais e humanos suficientes o servizo ferroviario no noso País, aumentar os servizos en liñas con alta demanda, reducir os prezos tamén cando finalicen as bonificacións e implantar as cercanías nas áreas urbanas e metropolitanas”, sinala Néstor Rego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.