O BNG manifesta o seu “asombro” pola reaparición da Casa Cornide nun portal de venda de inmóbeis

A concelleira do BNG Avia Veira manifesta o seu “asombro” ante a reaparición da Casa Cornide, un palacete que en tempos foi sede do Concello da Coruña e que foi espoliado pola ditadura franquista, nun portal dixital de venda de inmóbeis

“Que se volva anunciar a venda da Casa Cornide nunha web fai patente que o Goberno Local continúa sen presentar a demanda para recuperar a titularidade dun ben que por unha elemental xustiza histórica debe reintegrarse ao patrimonio do Concello”, afirma Veira.

Veira critica o Goberno Local por “ter incumprido os seus propios prazos” a respecto do momento en que pensa interpor a demanda para o Concello se facer coa propiedade do palacete, en mans dos herdeiros do ditador. “Chegaron a indicar que ía ser inminente. En maio deste ano afirmaron que ían retomar o asunto. Pois ben, estamos en setembro e nada de nada”.

E, mentres tanto, non se están a cumprir os preceptos derivados da incoación do procedemento para catalogar a Casa Cornide como BIC. Nin se están a inventariar os obxectos que contén, nin se permiten visitas ao público. “E desde logo ignoramos se os Franco se puxeron en contacto coa Xunta antes de pór o inmóbel á venda, algo ao que estarían obrigados polo réxime de protección como BIC”, alega Veira.

Por último, á concelleira do BNG parécelle unha “mágoa” que o pasado fin de semana o ministro de Memoria Democrática, Félix Bolaños, se pasease pola Coruña, na compaña da alcaldesa, cando na cidade se manteñen rúas con simboloxía franquista e, no corazón da Cidade Vella, permanece en mans dos Franco un edificio da importancia histórica da Casa Cornide.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.