O BNG pídelle ao Goberno local que acelere o proceso para resolver a situación das bibliotecas municipais de xestión privada

A Comisión de Educación e Cultura do Concello da Coruña reuniuse esta mañá para, entre outros asuntos, analizar a situación en que se atopan as bibliotecas municipais de xestión privada, despois de no pasado mes de xuño o cadro de persoal se ver obrigado a se mobilizar para reivindicar o pagamento dos seus salarios

A Comisión foi convocada pola súa presidenta, a concelleira do BNG Avia Veira. “A información que nos transmitiu o Goberno Local é que están a traballar coa Asesoría Xurídica en varias frontes. Desde a imposición de penalidades á concesionaria até a elaboración de pregos para un novo contrato que inclúan cláusulas que impidan que se reproduzan os problemas sufridos polo persoal”, relata Avia Veira. “Dixéronnos que non volveron convocar as traballadoras a novas reunións porque non o queren facer até que dispoñan da información completa sobre o que pensan facer”, engade.

Desde o BNG “o que lle pedimos ao Goberno Local nesta reunión é que axilicen ao máximo todo o proceso” para tranquilizar o cadro de persoal, de modo a lles dar certezas de que non van volver ter problemas á hora de percibiren con regularidade as súas nóminas.

Veira criticou que o Goberno Local non mencionara o asunto da remunicipalización. “Hai que lembrar”, salienta, “que no Acordo de Investidura asinado polo PSdeG-PSOE en xuño de 2019 a forza que dá sustento ao Goberno de Inés Rey comprometeuse, no primeiro ano do mandato, a resolver a situación laboral das bibliotecarias, cun horizonte en que se situaba con claridade a unificación da rede a través da xestión directa”.

“Calquera cousa que non vaia nesa dirección serán simples parches ou solucións momentáneas”, concluíu Veira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.