O BNG retoma en Fingoi a recollida de sinaturas da ILP pola atención primaria

Felipe Rivas: «Temos que rematar coa precariedade do servizo de saúde e defender o dereito á saúde cunha sanidade pública forte»
O Bloque Nacionalista Galego retomou hoxe, coa colocación dunha mesa informativa no centro de saúde e PAC de Fingoi, a campaña e recollida de sinaturas en apoio a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da Atención Primaria de SOS Sanidade Pública.
Nesta mesa informativa participou o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro Alexandre Penas e o concelleiro e responsábel local do BNG en Lugo, Felipe Rivas, xunto a militantes da organización.
Felipe Rivas declarou «continuamos con esta campaña que puxemos en marcha a semana pasada na Milagrosa e cuxo obxctivo é o fortalecemento dos servizos sanitaros de atención primaria»
A ILP demanda incrementar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros e PAC pechados, a eliminación das listas de agarda e mellorar a planificación dos centros de saúde.
O responsábel local alentou á veciñanza de Lugo a participar nesta ILP «temos que rematar coa precariedade do servizo de saúde e defender o dereito á saúde cunha sanidade pública forte»
Neste senso, a proposta do BNG é un reforzo da atención primaria nos vindeiros orzamentos da Xunta 2023, cun incremento no investimento dun 2,2%, un mínimo de 200 millóns máis.