O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia acolle o día 15 a estrea da programación radiofónica de ONDA ODS

O Castelo de Santa Cruz acollerá o vindeiro xoves 15 de setembro a emisión do espazo radiofónico co que se porá en marcha o proxecto de ámbito estatal ONDA ODS, a través do que un colectivo que engloba a máis de 300 emisoras locais de radio, entre elas RADIOFUSIÓN (rede da radio local galega), trata de pór o foco sobre os retos da Axenda 2030 da ONU. A elección do escenario non foi casual, pois as súas instalacións acollen a sede do CEIDA, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, o que entronca directamente cun dos propósitos cos que nace o proxecto, o de dar visibilidade e divulgar entre a cidadanía iniciativas arraigadas na contorna próxima que loitan por reverter a emerxencia climática e ambiental.
De feito, o CEIDA, que viu a luz froito dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, é un organismo de referencia no ámbito da formación, a divulgación e a educación ambiental non só en Galicia, senón en todo o mundo. Iniciativas coma a posta en marcha de dúas Reservas da Biosfera en Cabo Verde corroboran esa internacionalidade dunha entidade pública que promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, fomentando as boas prácticas dos cidadáns e procurando solucións aos problemas neste eido.
Unha das facetas nas que o CEIDA acumula esforzos é na da formación e capacitación, tanto de profesorado e técnicos en medio ambiente, como da propia cidadanía, cada vez máis preocupada pola protección do planeta. “Se facemos un balance dos nosos logros, o ano pasado demos formación a máis de 1.500 persoas e nas actividades de educación ambiental participaron máis de 35.000 alumnos. Isto significa que hai xente interesada en todas estas temáticas, o cal é lóxico, porque o planeta está cada vez máis degradado e cada vez o estamos deteriorando máis por culpa do modelo económico e polas prácticas de produción e consumo. É lóxico que apareza unha conciencia ambiental e a necesidade de intentar retrasar ese proceso de degradación que é moi preocupante”, afirma Carlos Vales, director do CEIDA.
Como centro de referencia, o CEIDA colabora con todo tipo de institucións –aulas da natureza, granxas escola, centros de visitantes, parques etnográficos…- a través de accións enfocadas na comunidade educativa, pero tamén en outros colectivos que gozan das súas exposicións itinerantes, conferencias, publicacións científicas…
Neste sentido, é importante apuntar o seu labor como nexo de unión e cooperación entre administracións e axentes que traballan pola sustentabilidade. Sempre cun enfoque social, práctico, crítico e integrador.
Ademais, é tamén un centro de interpretación que mostra a interrelación dos diversos elementos que interactúan sobre a natureza para proporcionar a utilización racional dos recursos cara un uso sustentable; e que, a través do Centro de Documentación Domingo Quiroga, facilita a difusión de todo tipo de materiais relacionados co medio.
A retransmisión desde o seu auditorio do programa radiofónico promovido por Radiofusión dentro do proxecto Onda ODS será unha boa forma de dar a coñecer entre os oíntes o traballo que se realiza desde o CEIDA e difundir o seu discurso de preservación e respecto pola natureza.
Programación
O espazo radiofónico conducido por Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, abordará diversos aspectos vinculados aos obxectivos recollidos pola ONU na súa Axenda 2030. Un documento que pon de relevo os aspectos sobre os que incidir para facer fronte á emerxencia climática e ambiental, pechar a brecha de xénero e poñer fin á discriminación, superar as ineficiencias dun sistema económico excesivamente concentrado, erradicar a precariedade laboral, acabar coa pobreza, reverter a crise dos servizos públicos, loitar contra a inxustiza global, revitalizar o noso medio rural e enfrontar o reto demográfico.
O proxecto Onda ODS pretende desenvolver unha estratexia de comunicación encamiñada a sensibilizar e divulgar entre a cidadanía estas propostas presentando iniciativas próximas que discorran nesa liña.
O programa desenvolverase entre as nove e as once da mañá e versará sobre medio ambiente, cambio climático e medio rural, con reportaxes, entrevistas e música en directo. Alumnos de varios centros educativos galegos e representantes do movemento veciñal e asociativo da contorna seguirán o espazo desde o propio auditorio. Onda ODS conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
Para coñecer máis sobre as características do proxecto Onda ODS pódese consultar a súa web www.ondaods.org e os seus perfís nas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.