O Concello da Coruña organiza un percorrido dramatizado na vivenda natal de María Casares

‘Reflexos de María’ terá catro funcións que comezan o vindeiro xoves 22 e para as que non é preciso inscrición previa

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, organiza un percorrido dramatizado na vivenda natal de María Casares sobre a vida da actriz. Esta será unha das últimas actividades con motivo do centenario do nacemento da artista, no marco da programación do Ano Internacional María Casares promovida polo Concello, con exposicións como ‘María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada’ ou ‘María Casares: vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936’, na mesma Casa Museo Casares Quiroga.

‘Reflexos de María’ é unha proposta de teatro específica para ese lugar coa que se recupera a figura de María Casares, poñendo en valor a súa orixe coruñesa. ‘Reflexos’ céntrase na infancia da actriz e desenvolve un percorrido na Casa Museo Casares Quiroga, o fogar natal de María. O público percorrerá a vivenda e as vivencias persoais e profesionais da pequena María Casares, interpretada pola actriz Nerea Brey, que visita todos os pisos da casa familiar.

A peza, creada pola propia Brey e Ernesto Is, ten a súa orixe en ‘Despois das ondas’ (2022), de Ernesto Is, nas que o escritor evoca o regreso de María Casares á Coruña despois de converterse na gran dama do teatro francés. Esta foi a primeira peza dramática longa escrita en galego sobre a vida e a carreira da actriz, que viu a luz en 2019 no Teatro Colón da Coruña. Con motivo do aniversario da actriz, a obra foi reeditada e volverá ser representada novamente na Coruña, nesta especial adaptación.

A actividade enmárcase no programa posto en marcha polo Goberno de Inés Rey para difundir a figura de María Casares, cunha variada oferta de actividades para todos os públicos. ‘Reflexos de María’ terá catro pases, que comezan o vindeiro xoves 22 ás 19.00 h. Ten unha duración aproximada de 50 minutos e a idade recomendada é de máis de sete anos. As seguintes funcións serán o xoves 29 de setembro e 3 e 10 de novembro, tamén ás 19.00 h. A entrada é libre ata completar a capacidade, polo que non é preciso inscrición previa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.