O PP de Viveiro pide respostas ao goberno local sobre o “estraño caso” do palco e das gradas que acabaron vendidos como chatarra sen apenas uso

Dicir que a capacidade de xestión da alcaldesa María Loureiro (PSOE) e o seu equipo aproxímase a cero é repetir o que xa coñecen todos os veciños de Viveiro. Pero, aínda así, Loureiro e os seus son capaces de superarse a si mesmos e seguir sorprendendo. Esta vez a conta do palco para as festas, polo que o Concello pagou no 2004 a considerable cantidade de 96.000 euros, e que acabou vendido como chatarra, ao igual que as gradas. O misterio envolve todo o relacionado con este equipamento e as explicacións ofrecidas polo goberno local na máis recente sesión plenaria só deixaron inquedanzas, preguntas sen resposta, polo menos por agora. Así o sinalan o portavoz popular, Óscar Rodríguez, e a concelleira Teresa Pérez, que esixen a Loureiro que aclare todas as dúbidas que xera a xestión municipal respecto a estes dous equipamentos.

O palco comprado no 2004 deixou de usarse no 2015. Agora, o goberno local confirma que o vendeu como chatarra. Pero non sabe canto recadou polo palco en si, porque foi vendido xunto con outros materiais. O mesmo pasa coas gradas, se ben neste caso, o misterio é aínda maior. Segundo o goberno local, da compra das gradas non hai constancia documental no Concello, carencia máis que sorprendente e nada tranquilizadora.

Á vista das circunstancias, son moitas as preguntas que se fan os populares, segundo indican Óscar Rodríguez e Teresa Pérez. Por exemplo, por que non explican os socialistas o motivo porque se deixou de usar un palco, que custou o que custou, con só unha década de uso? Por que, se pregunta, dende o 2015 se optou polo alugamento dos palcos. E tamén queren saber por que, se xa estaba tomada a decisión de non usalo, esperaron ata agora para vendelo como chatarra.

Rodríguez declara: “O das gradas é aínda máis sorprendente. Como é posible que non haxa no Concello constancia documental da súa compra?” A este respecto, destaca que os trámites para que a institución municipal efectúe compras están claramente regrados na lei, na normativa. No PP queren saber que pasou para que non quedara constancia desa compra.

O portavoz popular e a concelleira Pérez indican: “Este asunto é unha demostración máis da incapacidade de xestión do goberno que preside María Loureiro, pero é algo máis; é unha sombra que ten que ser aclarada, porque hai moitas preguntas que teñen que ser respondidas”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.