O PP denuncia que o Concello de Viveiro ten sen asignar máis de mil horas mensuais do SAF subvencionadas pola Xunta

O demostrado déficit de xestión do goberno presidido pola socialista María Loureiro prexudica a todos os veciños de Viveiro en todos os ámbitos nos que ten competencia o Concello. É grave. Pero é moito máis grave cando o que está en xogo é a atención aos veciños con máis necesidades, como son as persoas dependentes. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, denuncia que o Concello ten adxudicadas pola Xunta unhas 6.000 horas mensuais subvencionadas de Axuda no Fogar e, dese total, ten máis de mil horas sen asignar, é dicir, das que este mes non poden aproveitarse as persoas dependentes. O máis grave é, sinala Rodríguez, que agora mesmo hai case 100 persoas en lista de espera, das que algunhas teñen recoñecidos os grados máis altos de dependencia.
Rodríguez sinala: “É inaudito que ocorra o que está pasando en Viveiro, que tendo dispoñibles horas subvencionadas pola Xunta de Axuda no Fogar non estean asignadas a pesar de que hai unhas 100 persoas en lista de espera. É unha mostra máis do fracaso total na xestión da alcaldesa Loureiro; é inexplicable, unha vergoña e un auténtico disparate, ademais dunha demostración da falta de preocupación da alcaldesa polos seus veciños”.

O portavoz popular lembra que a aportación do Concello por cada hora do SAF é de aproximadamente 4 euros. Óscar Rodríguez explica: “É dicir, para cubrir a súa parte nesas máis de mil horas que está desaproveitando, o Concello tería que aportar uns 5.000 euros, unha cantidade moi pouco relevante se a comparamos cos cartos que se destinan a outros fines moito menos xustificables”.
O voceiro popular lembra que recentemente o Concello concedeu unha subvención de 15.000 euros a unha asociación de fóra de Viveiro para un espectáculo, no que ademais había que pagar entrada. “É indignante que ocorra o que está a ocorrer; no PP esiximos a Loureiro que se poña a traballar e que aproveite todas as horas do SAF que ten asignadas pola Xunta e que o faga dunha vez, porque o que está en xogo é o benestar de moitos veciños de Viveiro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.