O proxecto Onda ODS estreou a súa programación radiofónica

O programa emitiuse en directo desde o castelo de Santa Cruz de Oleiros con 14 invitados e invitadas que aportaron as súas visións sobre a Axenda 2030

O proxecto Onda ODS -orientado á difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e no que participan máis de 300 medios locais de todo o Estado- comezou hoxe cun primeiro programa radiofónico emitido en directo desde o castelo de Santa Cruz en Oleiros no que Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio a Estrada, entrevistaron a catorce convidados e convidadas relacionados dalgún xeito con estes obxectivos. Entre o público estaban alumnos e alumnas do CEIP Juana de Vega e IES María Casares.

Polos micrófonos de Onda ODS pasaron responsables políticos como os alcaldes de Oleiros, Ángel García Seoane; César Longo, rexedor de Paderne -aínda que este último o fixo en calidade de vicepresidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo- e Carlos García, concelleiro da Axenda 2030 do Concello de Foz. Tamén estiveron Ana Traseira, directora da UNED de Lugo; Laura Vidal Bralo, dinamizadora do Consello Climático de Oleiros e Carlos Vale, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA). Todos eles afondaron nas iniciativas relacionadas cos ODS que se levan a cabo nestes organismos. Igualmente participaron responsables de medios de comunicación como os promotores do proxecto, Henrique Sanfiz -director de Radiofusión e da asociación de emisoras municipais galegas EMUGA-, Guillermo Buteau – coordinador do proxecto Onda ODS- , María López -directora de Ràdio Televisió Cardedeu-, Paco Crespo -director das Emisoras Municipais de Andalucía- e Isabel Lema -integrante da Rede de Medios Comunitarios e membro do consello de coordinación de CUAC FM- xunto a Pilar Moreno Aguado, coordinadora das emisoras municipais valencianas, que tamén aspira a formar parte desta iniciativa e Xosé García, director de Radio Oleiros. Da parte musical encargouse a cantautora mugardesa Sofía Espiñeira, que acaba de ser elixida finalista para os premios da música Martín Códax na categoría de canción de autor e que tamén explicou a súa visión dalgúns dos contidos da Axenda 2030 como a igualdade de xénero, na que recoñeceu o papel das avoas e nais da xeración actual, pero destacou que aínda hai moito por facer no feminismo.

O alcalde da localidade anfitrioa subliñou a aposta pola calidade de vida e polos espazos verdes no concello de Oleiros, repasou a súa traxectoria no eido medioambiental desde que con só 18 anos comezou a loita en defensa da praia de Santa Cristina e o traballo no ámbito da solidariedade internacional feito nos 45 anos que leva á fronte do Concello. Foi el o artífice da primeira emisión dunha radio municipal en Galicia, en Oleiros, cuxo director, Xosé García, recordou aquel espazo inaugural que contou coa participación do escritor Manuel Rivas e que só durou os 70 minutos que tardou en chegar a Garda Civil. A emisora foi pechada, pero volveu, e foi a primeira que emitiu integramente en galego.

Guillermo Buteau, de Emisoras Municipais de Andalucía (EMA-RTV), fixo fincapé na particularidade do proxecto Onda ODS ao ser unha iniciativa que xurde desde o local para desenvolverse a nivel estatal e en distintos idiomas, algo que cualificou como “ilusionante”. Pola súa banda, Henrique Sanfiz, quixo poñer o acento na colaboración brindada polo Ministerio de Dereitos Sociais -un importante apoio para o proxecto- e tamén nas posibilidades que a tecnoloxía ofrece hoxe en día para levar a cabo un traballo conxunto que reforzará a comunicación local aliñando intereses e obxectivos. Sanfiz referiuse aos interesantes proxectos de economía circular respectuosos co medio ambiente que se están levando a cabo en diferentes lugares de Galicia e lamentou a súa escasa repercusión entre a cidadanía, polo que incidiu en que Onda ODS virá aportar un gran de area para darlles visibilidade. Destacou tamén que a creación dunha plataforma común gratuíta, rápida e fácil permitirá á cidadanía ter acceso a contidos de calidade creados desde o local.

César Longo subliñou o traballo desnvolvido na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, da que dixo que é atípica porque foi promovida desde as asociacións e os 17 concellos que a compoñen, ao contrario do que adoita suceder con este tipo de organismos, creados desde o Estado ou as autonomías. O ecoturismo é un dos seus principais eixos de actuación e este mesmo ano conseguiron que sexa o Pazo de Mariñán a sede na que se celebre o VI Congreso Nacional de Ecoturismo, coa participación de máis de 200 persoas.

María López explicou como se organiza Ràdio Televisió Cardedeu, unha iniciativa que conta con máis de 50 voluntarios que son un exemplo de traballo en rede e que teñen creado unha empatía entre as distintas zonas de Cataluña. Este modelo demostra, dixo, que se poderá funcionar deste xeito tamén a nivel estatal.

A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, comentou a importancia de levar os obxectivos ODS ao ámbito local, unha idea na que esta institución ten avanzado moito e que este ano se centrará na saúde e o benestar, con iniciativas relacionadas co deporte e a alimentación e o lanzamento dun reto contra o cancro.

Pola súa banda, Laura Vidal debullou como funciona o Consello Climático de Oleiros e a falou da importancia destes organismos para que a mocidade participe na loita contra o cambio climático coas súas propias ideas e propostas.

Paco Crespo aportou a visión desde EMA, que agrupa a 88 emisoras de radio e 20 televisións locais de Andalucía, coa perspectiva de que o proxecto Onda ODS é fundamental para conseguir un mundo mellor e que os medios falen do que realmente interesa á xente.

O concelleiro de Foz Carlos García insistiu na mesma idea de que é importante que os ODS se acheguen ao local e de aí que nese concello -cuxa emisora municipal cumprirá en 2023 25 anos- se teña deseñado unha Axenda 2030 adaptada ao propio municipio. A finalidade é ter datos locais sobre o cumprimento deses obxectivos contemplados na axenda e deseñar a partir de aí un plan estratéxico co concurso da cidadanía, a comunidade universitaria e as entidades supramunicipais.

Isabel Lema invitou, pola súa parte, a ser valentes e loitar por ter medios de expresión libres e lembrou que os medios comunitarios -de cuxa rede forma parte- levan 40 anos traballando na defensa da xustiza social, o medio ambiente ou a igualdade. Pilar Moreno fixo referencia ao labor feito en Valencia netes campo nos últimos tempos e anunciou a próxima creación da primeira radio mancomunada para lugares despoboados da comunidade.

Para rematar o programa, Carlos Vales explicou o traballo no CEIDA, no que é fundamental a formación en diferentes temáticas ambientais. O centro é referencia non só a nivel nacional senón internacional, coa súa área de cooperación, que tenta promover actuacións conxuntas con países lusófonos. O director do CEIDA invitou a reflexionar sobre o feito de que os modos de produción e consumo actuais son insostibles e lembrou que os recursos do planeta son finitos.

O proxecto Onda ODS está promovido polas Emisoras Municipais Galegas (EMUGA- Radiofusión), as Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), Rádio Televisió Cardedeu e a Rede Estatal de Medios Comunitarios, co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *