O Rosal fomenta a inclusión xogando

Fomentar valores como a empatía, o compañeirismo, o respecto e a solidariedade dun xeito lúdico e divertido. Ese é o obxectivo co que nacen os ‘Xogos da empatía’, unha xornada de carácter non competitivo posta en marcha polo Concello do Rosal en colaboración coas asociacións na que nenos, nenas e maiores poderán achegarse a diferentes actividades deportivas adaptadas, dando así un paso máis para converter O Rosal nun concello 100% inclusivo, tamén a nivel social.
“Esta iniciativa, que nace no seo do Consello do Deporte, busca ofrecer a toda a xente a posibilidade de poñerse por un rato do outro lado e gañar así perspectiva de inclusión. E fainos moita ilusión poñela en marcha, porque para nós supón continuar dando pasos para rachar barreiras en todos os ámbitos”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora presentou este xoves a primeira edición destes xogos acompañada por representantes das asociacións Avelaíña, Discamino e San Xerome, así como do club deportivo Tamiar-Apamp, así como de membros do Goberno local e de Serafín Martínez Acevedo e Víctor Valderrama, da empresa Noko 360 Sports Consulting, encargada do desenvolvemento das probas deportivas.
O vindeiro domingo 9 de outubro, a Praza do Calvario converterase nun grande espazo deportivo no que desfrutar de catro disciplinas nas que as e os participantes non poderán empregar todas as súas habilidades. Así, nenos, nenas e maiores poderán experimentar coas handbike tanto conducíndoas como indo de copiloto cos ollos vendados, o slalom en cadeira de rodas ou os xogos tradicionais adaptados como a petanca a cegas por parellas. Por outro lado, para una maior difusión e práctica do balonmán, haberá tamén sesión adaptadas nas que as e os participantes xogarán de diferentes formas para maior coordinación co balón. Outra das actividades que está previsto que se desenvolva será a de baloncesto en cadeira de rodas.


A actividade rematará cunha carreira-camiñada a cegas onde as e os participantes por parellas unidos por unha corda farán de guía e de guiado, como nas carreiras de persoas con discapacidade visual. O obxectivo é facer sentir a nenos, nenas e maiores o mesmo que unha persoa que non ve e goza do percorrido pola confianza e entrega á persoa que fai de guía. Haberá unha versión para adultos de 2 quilómetros e outra para cativos e cativas en forma de xincana de obstáculos.
As actividades estarán abertas a un máximo de 200 persoas que desfrutarán das disciplinas deportivas en grupos de 50 e en catro quendas que se celebrarán ás 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas. Cada participante contará ademais cun carné no que se colocará un selo por cada actividade realizada. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través dun formulario web.
Fernández Callís anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa e quixo agradecer “a Noko 360 a súa organización e ás asociacións tanto a súa colaboración como o importante traballo que fan no día a día”. “O primeiro son as persoas na súa diversidade por iso para nós a inclusión é un elemento esencial en todas as accións de transformación que estamos a levar a cabo no noso municipio. E estamos convencidas e convencidos de que esta xornada servirá para espertar moitas conciencias e para visibilizar unha realidade ante os nenos e nenas que construirán o futuro”, destacou a alcaldesa.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.