O Teatro Rosalía alcanza cifras de record

Esta semana comezou a venda de entradas para os doce espectáculos que conforman o Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro, unha vez rematada a venda de abonos, que este ano alcanzou cifras récord. Neste 2022 foron despachados un total de 513 abonos, a cifra máis alta na última década.

O Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro inclúe un total de doce obras, con diferentes propostas teatrais sobre as táboas. Os días 23 e 24 de setembro terá lugar a primeira cita, coa representación de «Una noche sin luna», de Juan Diego Botto, e rematará o 29 de decembro con «Curva España». O prezo das entradas oscila entre 5 e os 25 euros e xa poden adquirirse na billeteira da praza de Ourense, na web www.ataquilla.com e os días das diferentes funcións no propio Teatro Rosalía de Castro a partir das 16.00 horas.

O Ciclo Principal permitirá reforzar a condición da Coruña como unha das principais capitais culturais, cunha oferta teatral especialmente atractiva. Abarca, neste sentido, desde Juan Diego Botto en «Una noche sin luna» sobre os textos de Federico García Lorca; ata a «Morte accidental dun anarquista», na que Cándido Pazó fará a maxia trasladando os textos de Darío Fo; pasando por «Decadencia» de Steven Berkoff, «The Mountain» coa Agrupación Señor Serrano; «M.A.R.», de Andrea Díaz Reboredo; «La panadera», con texto e dirección de Sandra Ferrús; «Villa y Marte», de Ron Lalá, «Algún día todo esto será tuyo», con texto, dramaturxia e dirección de Chiqui Carabante; ou «A lingua das bolboretas», de Manuel Rivas. Tamén se poderá gozar do «Silencio» de Juan Mayorga, ou da programación especial con motivo do 20º aniversario do afundimento do Prestige, co aclamado «N.E.V.E.R.M.O.R.E.», de Chévere, compañía que cumpre o seu 35º aniversario e que o celebrará coa obra «Curva España», poñendo fin ao Ciclo Principal.

Trátase, polo tanto, dunha decidida aposta do Goberno municipal para consolidar A Coruña como capital da cultura, xa que a longa tradición vencellada ao teatro é un dos grandes valores da cidade. O Teatro Rosalía de Castro sempre constituíu unha referencia na programación de artes escénicas e está integrado nos circuítos do máis alto nivel do panorama teatral nacional, situando A Coruña como capital das artes escénicas.

Das doce obras, oito serán de funcións dobres e catro serán simples, destacando ademais a programación especial desenvolta con motivo da loita contra a violencia machista coa representación de «La panadera», o 20º aniversario do afundimento do Prestige con «N.E.V.E.R.M.O.R.E.» e o 35º aniversario de Chévere, coa peza «Curva España». Unha das características do ciclo é precisamente a variedade da programación, con propostas clásicas e contemporáneas, a existencia de comedia e drama, así como claros posicionamentos sobre a memoria histórica e contra a violencia machista. Unha variedade que permitirá polo tanto gozar de catro obras de compañías galegas e de figuras como Juan Diego Botto, Blanca Portillo, Miguel de Lira ou Patricia de Lorenzo.

CALENDARIO DO CICLO PRINCIPAL DO TEATRO ROSALÍA DE CASTRO

23 e 24 de setembro: Una noche sin luna, de Juan Diego Botto.
30 de setembro e 1 de outubro: Morte accidental dun anarquista, versión e dirección de Candido Pazó.
14 e 15 de outubro: Decadencia, con dirección de Pedro Casablanca.
21 e 22 de outubro: The mountain, de Agrupación Señor Serrano.
28 de outubro: M.A.R, de Andrea Díaz Reboredo.
11 e 12 de novembro: Villa y Marte, de Ron Lalá e Teatros del Canal.
18 y 19 de novembro: La panadera, de Sandra Ferrús.
26 de novembro: Algún día todo esto será tuyo, de Club Canibal.
2 e 3 de decembro: A lingua das bolboretas, de Manuel Rivas.
16 e 17 de decembro: Silencio, de Juan Mayorga, con Blanca Portillo.
28 de decembro: N.E.V.E.R.M.O.R.E., da Compañia Chévere.
29 de decembro: Curva España, con Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.