Onda ODS, un proxecto de longo recorrido cun discurso global artellado desde a esfera local

A programación desta iniciativa, que aglutina a máis de 300 emisoras comunitarias e municipais de todo o Estado, arranca o xoves cun espazo radiofónico en directo emitido desde a sede do CEIDA no castelo de Santa Cruz de Oleiros
Onda ODS é un proxecto de longo percorrido. A súa programación arranca agora, este xoves día 15, pero van xa varios meses nos que as máis de trescentas emisoras municipais e comunitarias implicadas nel en todo o Estado están traballando na articulación dun discurso e unha estratexia comunicativa que permita achegar á cidadanía os retos de desenvolvemento sustentable recollidos na Axenda 2030 da ONU e que se condensan en 17 obxectivos (ODS).
Analizar, avaliar e definir que e como comunicalo foi o punto de partida dun proceso que, en primeira instancia, tivo aos propios medios de comunicación e aos seus profesionais como destinatarios. As bases dese relato narrativo que se ía transmitir aos oíntes sentáronse no I Encontro Estatal de Medios Locais e ODS, que se celebrou en Granollers e Cardedeu o pasado mes de xuño no marco do Mercat Audiovisual de Cataluña.
As xornadas foron unha invitación ao debate e a reflexión acerca do papel dos medios locais na visibilización dos grandes retos que supón implementar a folla de ruta proposta polas Nacións Unidas.
Antonio Zurita, socio fundador de COOP&Co 2030; e María García, xefa do servicio de Axenda 2030 e Participación da Deputación de Barcelona, foron algúns dos poñentes nunha actividade na que a periodista e comunicadora Josune Imizcoz, abordou a narrativa audiovisual para as redes sociais na comunicación dos ODS. Posto que o proxecto xira arredor da idea de trasladar e comunicar desde o local -cunha perspectiva de proximidade- a problemática e retos globais que se están a encarar en todo o mundo, durante as xornadas tamén se lles deu voz a experiencias inspiradoras e exemplificadoras desenvolvidas nos distintos territorios a través dos seus protagonistas: Carmen León e Mari Carmen Martín, do proxecto Lideresas de Villaverde; Jordi Sacristán, director e produtor executivo do programa “Espai Públic 2030”; e Amaya Asiaín, directora do podcast “La Rueda de Colores”, e membro de WWF España.
Para a ocasión, RTV Cardedeu emitiu en directo desde o plató central da emisora o programa TV Acció ODS, coa participación de novos procedentes de tres institutos da zona que, de maneira lúdica e divertida, enfrontaron cuestións vinculadas á temática sobre a que xiran os ODS.
O proxecto Onda ODS contempla a emisión espazos informativos de dez minutos cada un, que os oíntes poderán escoitar a partir de mediados deste mes; pero tamén a elaboración de vídeos que amosarán iniciativas dinamizadoras do medio rural que loitan contra o despoboamento do mesmo; e podcast de dous minutos de duración vinculados coa desigualdade de xénero e o cambio climático a través de exemplos reais. Parte deste material está xa dispoñible na web.