Os grandes musicais, estrelas da programación de outono do Auditorio Mar de Vigo

Haberá seis musicais ata finais de ano, entre os que destacan as únicas datas en Galicia de ‘Peter, El Musical’ e a superprodución de ‘El médico’, baseada no libro de Noah Gordon; o musical infantil ‘Superthings’ e ‘La Bella y la bestia’

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá o avance da que será a programación de outono do Auditorio Mar de Vigo, no que deu a coñecer máis de vinte espectáculos de primeiro nivel. A aposta do último trimestre do ano serán os grandes musicais, cun total de seis programados, pero tamén se sumarán ao programa unha variedade de espectáculos que van desde o ballet ás músicas de cine, pasando pola maxia, as bandas tributo ou os monólogos.

Entre os grandes musicais que pasarán polo Auditorio Mar de Vigo están o agardadísimo ‘Peter, El musical’, o espectacular musical familiar sobre Peter Pan. Esta obra é unha superprodución coa última tecnoloxía teatral, efectos especiais, loitas, proxecións en 4K e ata voos sobre as butacas dalgúns dos 22 personaxes que estarán sobre o escenario. Peter terá cinco funcións en Vigo, do 2 ao 4 de decembro, e será a única maneira de ver esta gran produción en Galicia. En decembro, o día 11, tamén chegará ‘La Bella y la Bestia’, outro gran musical familiar, obra de La Barbarie Teatro Musical, que leva máis de 250 actuacións por toda España, e que suma un elenco de vinte actrices e actores en escena.

Antes, o 27 de novembro, pasará polo Auditorio outro esperadísimo musical que arrasa entre os pequenos entre 4 e 9 anos: ‘Superthings’, o primeiro gran show sobre este fenómeno inspirado nos éxitos da serie de youtube. Estes músicais para todos os públicos súmanse a outros xa anunciados, como ‘El Médico’, a gran superprodución española inspirada no best seller de Noah Gordon, e que el mesmo asesorou na parte creativa. A obra terá cinco funcións no Auditorio Mar de Vigo, do 11 ao 13 de novembro. Antes, o 7 e 8 de outubro, regresará a Vigo a seguda parte do aclamado musical de drag queens, ‘El Gran Hotel de las Reinas’, que tanto éxito recolleu en Vigo o pasado ano. Os días 3 e 4 de xaneiro, tamén están previstas catro funcións do espectacular musical galego ‘Inventio’, que mestura danza, ilusionismo e circo cunha gran posta en escena marcada polas videoproxecións.

Os músicais serán a gran aposta da programación de outono no Mar de Vigo, na que tamén estarán un grupo histórico que ten feito rir a millóns de persoas: Les Luthiers, que actuarán en tres funcións o 21, 22 e 23 de outubro co seu elenco 2019, estrearán o seu espectáculo ‘Gran Reserva’, unha antoloxía que reúne algúns dos grandes éxitos dos seus 55 anos de historia.

Ademais, o ballet e as músicas de cine terán tamén gran protagonismo nesta programación do último trimestre do ano. O prestixioso Ballet Clásico de Ucrania estará no Mar de Vigo en tres datas diferentes. O 27 de outubro e o 13 de xaneiro poñerán en escena ‘El Lago de los cisnes’, e o 18 de decembro co gran clásico por excelencia do nadal, como é ‘El Cascanueces’. Ambas son obras que destacan pola vistosidade dos vestuarios e o virtuosismo dos seus bailaríns. A programación tamén incorporará este ano, o 28 de decembro, un dos espectáculos de danza máis aclamados do mundo: Spirit of the dance. Máis de trinta míllóns de persoas viron nalgún lugar do mundo este espectáculo, que parte das danzas irlandesas mesturándose con ritmos latinos, nunha frenética posta en escena.

A programación complétase coas músicas de cine de John Williams e Hans Zilmmer, o 5 de novembro e o 26 de decembro, e as fermosísimas bandas sonoras dos filmes de Walt Disney, que interpretará a Hollywood Symphony Orchestra nas datas de Nadal, o 30 de decembro; e con ‘Krypton’, o novo espectáculo da Film Symphony Orchestra co mestre Constantino Martínez-Orts,  que estará o 28 de xaneiro.

En xaneiro, tamén terá lugar o ‘Gran Concerto de Año Nuevo’ de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble, programado para o 6 de xaneiro, Día de Reis, así como Carmina Burana e a 9ª Sinfonía de Beethoven, con Gran Orquesta Sinfónica e Coro, que actuará o 22 de xaneiro.

Completan a programación a Gala Internacional da Maxia, que se celebra o 9 de outubro, o monólogo de Dani Martínez, o 17 de decembro ou a Queen Tribute Band, tributo a esta lendaria banda, que terá lugar o 29 de decembro. Outras grandes actuacións musicais previstas, como Fito y Los Fitipaldis ou Michael Kiwanuka, quen actuou onte dentro do Festival Uderfest, esgotaron as entradas desde hai xa varias semanas.

Esta programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo.

As entradas para todos os espectáculos están á venda a través de www.teuticket.com.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.