Pixies presentará o seu novo disco no Coliseum

O grupo norteamericano, referente na historia do rock alternativo, actuará na súa xira española en Madrid, Barcelona e A Coruña

O Coliseum acollerá en marzo de 2023 un dos tres únicos concertos que ofrecerá Pixies en España dentro da súa xira europea. Madrid, Barcelona e A Coruña serán as cidades que poderán gozar dunha das bandas referentes do rock alternativo e do grunge.

O grupo fará unha nova xira europea que pasará por España en marzo de 2023: o 9 de marzo no Sant Jordi Club de Barcelona, o 10 de marzo no WiZink Center de Madrid e o 11 de marzo no Coliseum da Coruña. Os norteamericanos virán repasar os seus innumerables éxitos e a presentar o seu novo álbum «Doggerel», cuxa saída ao mercado está prevista para este venres 30 de setembro.

Desta maneira, A Coruña volve converterse en referencia no ámbito musical, especialmente no noroeste español, ao ser unha das cidades escollidas pola banda de Boston para presentar o seu novo traballo e para repasar os numerosos temas da súa longa traxectoria.

As entradas para o concerto no Coliseum da Coruña estarán á venda desde este venres 30 de setembro ás 9.00 horas, na web www.ataquilla.com, en www.livenation.es e en www.ticketmaster.es e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Coñecidos polos seus intensos directos, Pixies converte cada concerto nunha experiencia única. Xeralmente máis de 30 cancións por noite, sen probas de son previas e moita improvisación en cada actuación fan que ningún dos seus espectáculos teña parecido con calquera dos anteriores.

Nesta nova xira, ademais de himnos xeracionais como «Where Is My Mind», «Here Comes Your Man» ou «Monkey Gone To Heaven» tamén poderemos escoitar algunhas das cancións do seu agardado oitavo disco «Doggerel», do que xa están dispoñibles os temas «There’s a Moon On», «Vault Of Heaven» e «Dregs Of The Wine», que tiveron moi boas críticas e acollida por parte do público.

A música de Pixies está influída polo punk, o post-punk e o surf rock. Están considerados como antecesores inmediatos do boom do rock alternativo de principios da década de 1990, tal como recoñeceu Kurt Cobain, fan confeso de Pixies. De feito, tal como ocorreu con outros grupos de noise rock, o seu estilo singular exerceu unha grande influencia sobre moitas das bandas de rock da escena grunge e alternativa, como Nirvana, Pavement e Weezer.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.