Teatro, concertos e arte: un setembro en clave feminina da man de Elas Son Artistas

O Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, Elas Son Artistas, continúa este mes de setembro achegando cultura en clave feminina aos dez concellos da área metropolitana que participan nesta quinta edición presentada o pasado mes de abril e pola que xa pasaron artistas coma Ede, os suecos The Riven, o dúo poético-musical Aldaolado, a pianista Aida Saco, a ilustradora Rebeca Losada…

O venres será a quenda do teatro. Diana Sieira leva anos demostrando a posibilidade de combinar a nosa paixón e o noso traballo coas nosas inquietudes. Algo que consegue en ‘The Witch: un espectáculo ritual’. Esta perfomance teatral, que conta a historia dunha das miles de mulleres acusadas por bruxería na Idade Media, poderemos vela este venres 9 de setembro (20.30 horas) no Edificio Liceo no Concello de Betanzos, na Aula de Cultura Xulio Cuns. Entrada libre ata completar aforo.

O sábado 10 de setembro (12.00 horas) presentarase no concesionario do Grupo Caeiro, patrocinadores da quinta edición de Elas Son Artistas, o vehículo oficial deste ciclo: un Renault Clío E-Tech, cedido por Caeiro, no que artista Gosia Trebacz puxo a súa marca e de cuxo proceso de creación artística nos falará nese acto. Ademais, estará acompañada por unha actuación de Silvia Penide. O vehículo eléctrico poderase ver circulando ata finalizar o ciclo no mes de novembro. As inscricións para asistir poderanse realizar a través da páxina web www.elassonartistas.gal a partir das 18.00 horas.

O resto do mes de novembro estará marcado polo regreso das xiras de grandes bandas internacionais á mítica Sala Mardi Gras do Concello da Coruña, como é o caso da estadounidense Leah Woods, que actuará o vindeiro 14 de setembro (21.30 horas). Leah é unha artista procedente de Saratoga Springs (Nova Iork), amante do surf, do skate, do esquí, da aventura… algo que reflexa á perfección no seu soul/indie/folk. Tras ela, un par de días despois será o regreso dunha das bandas que xa nos visitou na pasada edición, os canadenses ByWater Call o 16 de setembro (22.00 horas), quen chegarán con cancións novas baixo o brazo. As entradas para ambos concertos xa están á venda a través de entradium.com

Setembro rematará co directo dunha das banda de referencia na escena estatal de música soul e funk, formada por unha voz incendiaria e oito músicos que rezuman creatividade, posúen unha potente sección rítmica e ofrecen un directo demoledor. Freedonia serán os encargados de encher o Teatro Colón da Coruña o día 29 de setembro (21.00 horas) co seu espectáculo musical ‘Conciencia’. As entradas están á venda a través de ataquilla.com

ELAS SON ARTISTAS

Elas Son Artistas é moito máis que un festival ou un ciclo de espectáculos artísticos. É unha reivindicación pola igualdade, unha homenaxe á muller creadora, que como sempre, será en todo momento protagonista.

Un festival posible grazas ao apoio institucional dos concellos que participan do mesmo, pero tamén grazas á suma a nivel patrocinio de empresas privadas como Gadis e Caeiro e colaboradores como MIM – Mujeres de la Industria de la Música, AIE – Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España, Coca-Cola e a República Musical Mardi Gras. Finalmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia tamén colabora en aqueles espectáculos que se realizan en galego.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *