Torrado acusa ao Goberno de “incumprir o acordo parlamentario” para incrementar a plantilla de persoal investigador do Intecmar en 2022 con contratos estables

Precisa que “o persoal que aumenta non é estable, e os contratos estables non aumentan” e advirte: “non é gratis votar neste Parlamento, cando se vota hai que cumprir”

O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de incumprir o acordo parlamentario do pasado mes de febreiro en base a unha iniciativa do PSdeG para que a Xunta incrementara a plantilla de persoal investigador do Intecmar con contratos estables. Torrado presentou unha pregunta na Comisión de Pesca de hoxe para reclamar maior dotación para o organismo afincado en Vilaxoán.

Torrado explicou, logo da intervención da presidenta do Intecmar, que “o persoal que aumenta non é estable, e os contratos estables non aumentan”. Precisou que o pouco persoal que incrementou o organismo xa estaba previsto en 2021 nun programa a 3 anos vista e que xa está incluído no orzamento polo que non existe incremento orzamentario como indicaba o acordo parlamentario de febreiro deste ano.

Mentres, engadiu, o persoal incorporado a maiores este ano foi contratado con fondos extraordinarios da UE a través do plan de resiliencia do Estado, e ademais só foi “persoal temporal, de substitución e transitorio”.

Explicou que “nin os contratos temporais nin os transitorios son estables por definición”, mentres que os contratos de substitución “non supoñen un aumento de plantilla”. Torrado precisou que para cumprir co mandato parlamentario “teñen que aumentar o persoal, e este ten que ser estable, non vale que o que aumentemos sexa inestable e o que é estable non o aumentemos”.

Retractarse do acordo

O parlamentario arousán acusou ao PP de “minimizar agora o acordo de 2022” e “retractarse de cumprir co incremento orzamentario para persoal estable para o Intecmar”. Dirixiuse ademais ao grupo parlamentario do PP, que en febreiro respaldou a proposta socialista, para sinalar que “non é gratis votar neste Parlamento porque cando se vota hai que cumprir”, e esixiulles “honestidade” co sentido do seu voto.

Precisou que “estamos a defender a institución” investigadora reivindicando unha maior dotación de persoal investigador, co compromiso de manter ademais as contratacións nos anos seguintes. Mentres, o goberno galego está a incumprir coa obriga de aumentar a dotación orzamentaria no ao 2022, así como de aumentar a dotación científica do centro a partir do dito acordo parlamentario.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *