Un milleiro de persoas retira máis de 8 toneladas de residuos na XV Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos

Unha vez máis, fomos moitas as galegas e galegos que nos mollamos polos ríos na XV Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos de ADEGA. Houbo moita diversidade nos grupos de voluntarios/s, máis e menos numerosos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

O pasado domingo 25 de setembro de 2022 celebrouse a XV Limpeza Simultánea de Ríos en 41 concellos de toda Galiza. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando ás 62 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Gondomar, Verín, Tomiño ou Santiago de Compostela, entre outros. Nesta edición realizáronse limpezas en 51 treitos de río e participaron 918 persoas.

Neste ano sumáronse á iniciativa novos concellos, asociacións culturais, xuvenís, ecoloxistas, centros de atención á diversidade, scouts… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo dos últimos 14 anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos amadriñados por estas entidades, aínda que en 2022 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles, e outros obxectos voluminosos.

Aínda se verten moitos residuos aos ríos

Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos… Atopámonos con vertidos de rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, unha valla de sinalización, entullos, etc. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc… As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras. É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando bacías e ribeiras.

Algunha das entidades participantes, como a Asociación para a Defensa do Val do Liñares, notificaron a presenza dun vertedoiro no río Freán.

No reconto, calculamos que os residuos de todos os concellos suman máis de 8 toneladas (Tn). Porén, lembramos que o noso principal obxectivo non é bater récord na cantidade de lixo recollida, senón concienciar sobre a problemática. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Entidades participantes e volume de residuos recollido por concellos

Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Carballo, Fene, Gondomar, Meis, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia. Publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.